A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética da praza de abastos de Ponteareas con 105 paneis solares fotovoltaicos

O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa, Cristina Fernández, supervisa o remate desta actuación, que estivo financiada polo Instituto Enerxético de Galicia cun investimento de 47.000€

A infraestrutura evitará a emisión de 410 toneladas anuais de dióxido de carbono e subministrará a enerxía ao mercado municipal, a biblioteca e o conservatorio

“Estamos a colaborar cos concellos para favorecer o autoconsumo, reducir a factura eléctrica e diminuír a contaminación no marco da nosa política de preservación do medio ambiente e cumprimento da Axenda 2030”, sinala o delegado

Ponteareas, 6 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de impulsar a mellora da eficiencia enerxética integral da Praza de Abastos de Ponteareas co financiamento dun proxecto de instalación de 105 paneis solares fotovoltaicos que permitirán a xeración de enerxía para o autoconsumo deste edificio comercial.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, supervisou esta mañá no mercado municipal o remate desta actuación, que se desenvolveu ao longo do primeiro semestre deste ano cun investimento de 47.000 euros e o financiamento, do 80%, a cargo da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

“Estamos a colaborar cos concellos para favorecer o autoconsumo, reducir a factura eléctrica das administracións públicas e diminuír a contaminación no marco da nosa política de preservación e coidado do medio ambiente e cumprimento da Axenda 2030 e, ao abeiro desas accións, apoiamos o proxecto de Ponteareas”, detallou o representante autonómico.

A actuación de mellora da eficiencia enerxética da Praza de Abastos de Ponteareas enmárcase nunha liña de axudas concedida pola Xunta de Galicia para a modernización dos sistemas enerxéticos de equipamentos públicos, con biomasa ou aproveitamento solar, que beneficiou a unha decena de proxectos da provincia de Pontevedra, entre os que figuran catro na bisbarra do Salnés, tres no Deza, Caldas de Reis e Tomiño, ademais do citado na capital do Condado.

No caso de Ponteareas, instaláronse 105 paneis solares fotovoltaicos na Praza de Abastos que permitirán autoabastecer a este edificio e subministrar enerxía á Biblioteca Municipal e ao Conservatorio de Música, xa que se atopan nun radio de distancia inferior aos 500 metros e nos que se reducirá en torno a un 50% a factura eléctrica. Ademais, evitarase a emisión de 410 toneladas anuais de dióxido de carbono.

“É unha satisfacción comprobar o resultado de meses de traballo nun proxecto importante dende o punto de vista enerxético, ambiental e económico e ademais xa está listo para funcionar e beneficiar ao pobo de Ponteareas, que sempre ten a máxima colaboración da Xunta para os seus proxectos de interese xeral”, concluíu Luis López.

Imaxes relacionadas