Ethel Vázquez avanza que este mes quedará rematada a senda de Láncara na que a Xunta inviste 870.000 euros, tras a reapertura hoxe da ponte de Valdriz

Vázquez Mourelle destaca que hoxe se restablece a circulación na ponte sobre o río Neira, xa que as obras de ampliación da plataforma fixeron necesario pechar o tráfico

Salienta que se está a ultimar o novo itinerario que conecta as beirarrúas da travesía da Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, pola marxe esquerda da estrada

Indica que na entrada á urbanización se ampliou a plataforma da ponte, tamén se ancheou a estrada de 5,5 a 7 metros e reformouse a intersección cunha glorieta

Pon en valor o compromiso da Xunta coa mellora da mobilidade en Láncara a través doutros proxectos como a 1ª fase da autovía Nadela-Sarria

Lembra que estas melloras na mobilidade que acomete a Xunta poderían incrementarse se os criterios do reparto dos fondos Next Generation por parte do Goberno central fosen máis equitativos e chegasen aos concellos máis pequenos
 

Láncara (Lugo), 5 de agosto de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que neste mes quedará rematada a nova senda de Láncara na que a Xunta inviste 870.000 euros, tras a apertura hoxe da ponte de Valdriz.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe a marcha dos traballos de construción da nova senda, na estrada entre A Pobra de San Xiao e a urbanización de Valdriz (LU-621), que xa acadan un 90% da súa execución total.

Salientou que hoxe se restablece a circulación na ponte sobre o río Neira, logo de estar 4 meses pechada ao tráfico por mor das obras de ampliación da plataforma.

Destacou que o obxectivo da intervención nesta estrada é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños, propiciando a infraestrutura necesaria para que se poidan desprazar dun xeito máis cómodo e seguro, e tamén máis sustentable, sen empregar o vehículo.

Para iso, a Xunta está a ultimar as obras do novo itinerario que conecta as beirarrúas actuais da travesía da Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, un tramo de case 500 metros pola marxe esquerda da estrada.

Para dar continuidade ao itinerario peonil nos últimos metros, na entrada á urbanización, ampliáronse a plataforma da ponte, mediante lousa de formigón e o radio da curva de entrada á ponte, para o que foi preciso facer un desmonte importante.

Tamén se ancheou a estrada de 5,5 a 7 metros e se reformou a intersección de acceso á urbanización, executando unha nova glorieta que facilita os xiros en condicións de maior seguridade.

A conselleira subliñou que xa están rematadas as demolicións e repostos os servizos públicos afectados, así como os traballos de estruturas, tanto na ponte coma nos muros. Só resta o treito de varanda peonil e o valo antivandálico.

Nestes momentos estase a estender o pavimento de formigón da senda, co revestimento de cunetas e cos últimos remates de sinalización e o acondicionamento paisaxístico.
Ethel Vázquez puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora da mobilidade dos veciños de Láncara a través doutros proxectos como a 1ª fase da autovía Nadela-Sarrria, precisamente entre A Pobra de San Xiao e Sarria.

Puntualizou que o Goberno galego podería incrementar estas actuacións en materia de mobilidade se os criterios de reparto dos fondos Next Generation para mobilidade por parte do Goberno central fosen máis xustos e equitativos, porque deixan á marxe aos concellos de menos de 50.000 habitantes.

Neste sentido, a conselleira convidou ao Concello de Láncara a que se sume a esa declaración institucional impulsada pola Xunta e por 75 municipios o pasado sábado para un reparto equitativo deses fondos europeos de reconstrución, á que xa se teñen adherido máis de 100 concellos, co obxectivo de conseguir un cambio de postura do Ministerio e máis investimentos.

Imaxes relacionadas