Arias destaca a excelente acollida dos peregrinos ao novo servizo da Policía Autonómica de asistencia no Camiño

O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que os axentes patrullan en moto as rutas para reforzar a seguridade e prestar axuda e asesoramento

Guntín (Lugo), 6 de agosto de 2021

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, constatou hoxe a excelente acollida que ten entre os peregrinos o novo servizo da Policía Autonómica en Lugo para prestar asistencia no Camiño.

Dende a pasada semana, dous axentes transitan en moto polas rutas, en coordinación cun coche de apoio nas inmediacións por se fora preciso realizar un traslado ou calquera outra intervención. Arias mantivo hoxe un encontro co inspector xefe da Policía Autonómica en Lugo, Javier Amigo, e os policías de servizo en San Román da Retorta (Guntín) para coñecer a impresión destas primeiras xornadas, “e o balance non pode ser máis alentador”, indicou.

Os axentes informan aos peregrinos sobre medidas básicas de seguridade e controlan o bo estado do Camiño e dos seus elementos, contribuíndo á prevención de delitos, pequenos furtos ou condutas como a alteración da sinalización, obras ou instalacións irregulares.

O operativo permanecerá activo cando menos durante os meses de verán, coa posibilidade de amplialo na medida en que o aconselle a afluencia de peregrinos. Estes días están a incidir especialmente nas etapas do Camiño Francés porque rexistra o maior volume de camiñantes, pero actuarán tamén no Primitivo, o Norte e o de Inverno.

Imaxes relacionadas