A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazouse ata esta aldea modelo para analizar de primeira man a posibilidade de levar a cabo ditas obras

A Xunta e o Concello do Incio estudan novas actuacións na contorna da aldea modelo de Trascastro

Inés Santé comprobou o estado duns muíños situados na propia aldea, así como un sendeiro ao longo do río que rodea Trascastro

A Consellería xa está traballando na delimitación dos soutos tradicionais a inventariar nesta zona e que formarán parte do plan da Xunta, que contempla a recuperación dunhas mil hectáreas deste tipo de terreos no conxunto da comunidade autónoma

O Incio (Lugo), 06 de agosto de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, desprazouse esta semana ao Concello do Incio para estudar a posibilidade de levar a cabo novas actuacións na contorna da aldea modelo de Trascastro.

Así, e acompañada polo alcalde, Héctor Corujo, a directora xeral comprobou o estado duns muíños situados na propia aldea, así como un sendeiro ao longo do río que rodea Trascastro. As actuacións a estudar tamén comprenderían a posibilidade de mellorar os accesos á esta aldea modelo, unha das primeiras en ser aprobadas en Galicia e a primeira de Lugo en pórse en marcha. Neste senso, cabe lembrar que esta iniciativa abrangue un perímetro de 14 hectáreas, distribuídas nun total de 178 parcelas pertencentes a 104 propietarios.

Noutra orde de cousas, a directora xeral informou ao rexedor que a Consellería xa estaba traballando na delimitación dos soutos tradicionais a inventariar e que formarán parte do plan da Xunta que contempla a recuperación de arredor de mil hectáreas deste tipo de terreos no conxunto da comunidade autónoma.

Neste sentido, ao longo de Galicia trabállase noutras zonas -ademais de no Incio-, como son a ribeira do Sil tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, na contorna do río Loio en Paradela, así como en áreas da montaña luguesa, caso do concello de Folgoso do Courel. Este plan de recuperación de soutos tradicionais, destacou Inés Santé, terá un impulso moi importante xunto coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xa que impulsará figuras como as agrupacións de xestión conxunta da terra, claves para a posta en valor dos soutos.

Imaxes relacionadas