A Xunta reparte case 240.000 euros entre 9 concellos das reservas da biosfera ourensás para apoialos na mellora do patrimonio natural

O DOG recolle hoxe a resolución da terceira convocatoria que se realiza deste programa de incentivos, con boa acollida entre as entidades locais, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible

Nas reservas da provincia de Ourense —Xurés e Área de Allariz—, levaranse a cabo 9 actuacións para enriquecer as condicións medio ambientais e paisaxísticas

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 9 axudas a outros tantos concellos por un importe de case 240.000 euros para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas dúas reservas da biosfera da provincia de Ourense: Tranfronteiriza do Xurés-Gerês e Área de Allariz.

Tal e como adiantou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución cos resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que no conxunto das seis reservas declaradas na Comunidade se resume na concesión de 27 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 600.000 euros.

Un total de 9 deses municipios teñen parte do seu territorio nunha das dúas reservas da biosfera ourensás e beneficiaranse dunha subvención para enriquecer as condicións medioambientais e paisaxísticas

Todos os concellos que integran a reserva do Xurés recibirán apoio da Xunta para levar cabo proxectos que melloren as máis de 60.000 hectáreas galegas deste espazo, que tamén se estende polo norte de Portugal. Así, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños recibirán un orzamento de máis de 170.000 euros ao abeiro da convocatoria deste programa.

No caso concreto da reserva da Área de Allariz, os concellos beneficiarios, que recibirán máis de 65.000 euros, foron Vilar de Santos, para corrixir os impactos visuais nos núcleos tradicionais na ruta Parada; Rairiz de Veiga, para mellorar os sendeiros; e Allariz, para recuperar o patrimonio natural de Monte do Xardín.

A Consellería de Medio Ambiente destaca o éxito deste programa de axudas, que espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible. Os resultados da convocatoria de 2021 incrementan os logros xa obtidos nas dúas anteriores —2019 e 2020—, grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros. É dicir, a Xunta mobilizou en tres anos algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos.

Asemade, lembra que Galicia é a terceira comunidade que máis recursos obterá dos fondos europeos de recuperación; polo que convida aos concellos integrados nunha reserva da biosfera a optar a unha axuda da partida de 6,4 millóns de euros.

Resumo das axudas de 2021 ás reservas da biosfera da provincia de Ourense

 

Transfronteiriza do Xurés- Gerês (6 concellos / 173.112,87 €)

Calvos de Randín
23.114,62 €

Restauración de ecosistemas naturais, eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica. Arrendamento con opción de compra de nova maquinaria

Entrimo
29.998,65 €

Creación dun centro de interpretación da natureza en Pereira

Lobios
29.999,62 €
Mellora de sendas peonís
Lobeira
30.000 €

Mellora da senda peonil Leboreiro-Cabreira

Bande
29.999,99 €
Adecuación senda peonil As Ferrerías
Muíños
29.999,99 €
Mellora da pasarela de O Corgo
Área de Allariz (3 concellos / 66.153,66 €)
Vilar de Santos
24.960,50 €

Proxecto para a corrección do impacto visual nos núcleos tradicionais incluídos na ruta de Parada e mellora dos elementos patrimoniais comunais asociados

Rairiz de Veiga
11.463,16 €

Mellora de sendeiros e actuacións de divulgación

Allariz
30.000 €

Recuperación e restauración do patrimonio natural Monte O Xardín

 

Imaxes relacionadas