Ethel Vázquez destaca o investimento de máis de 200.000 euros na mellora da seguridade viaria das estradas da Xunta no camiño de Fisterra

Vázquez Mourelle explica que a intervención na AC-445 se acomete nun treito de 400 metros, no acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre paralelo á vía

Destaca que o obxectivo é facilitar o tránsito dos peregrinos que camiñan pola beiravía e ofrecerlles condicións máis seguras, coa construción dunha nova senda

A obra inclúese nas 70 actuacións que está a executar a Xunta para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos das rutas xacobeas que discorren en paralelo coas estradas autonómicas, cun orzamento global de 1,4 M€

Detalla que no Camiño de Fisterra se desenvolverán 11 actuacións nas marxes de 6 estradas autonómicas ao seu paso por 8 concellos

Destaca que estas melloras na mobilidade que está a efectuar a Xunta poderían incrementarse se os criterios do reparto dos fondos Next Generation por parte do Goberno central fosen máis xustos
 

Fisterra (A Coruña)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento de máis de 200.000 euros na mellora da seguridade viaria das estradas da Xunta no Camiño de Fisterra.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe no concello de Fisterra os traballos que comezaron este luns na estrada AC-445, que une Fisterra e Cee, para garantir unha mobilidade máis segura a peregrinos e veciños. Actuacións que, segundo concretou, estarán rematadas a vindeira semana.

As intervencións, que contan cun investimento de 30.000 euros, estanse a acometer nun treito de 400 metros, na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á estrada autonómica.

O obxectivo das obras é facilitar o tránsito dos peregrinos que camiñan pola beiravía e ofrecerlles condicións máis seguras nos seus desprazamentos. Para iso, retirarase a bionda, antes de executar unha senda pola marxe esquerda da vía.
Segundo detallou Ethel Vázquez, o proxecto tamén prevé a colocación dunha nova valla protectora, máis preto do firme da estrada, polo que o itinerario para os peregrinos quedará perfectamente delimitado e mellor preservado.

Ademais reforzarse a sinalización deste treito para indicarlles aos camiñantes o traxecto e para advertir aos condutores do tránsito frecuente de peregrinos pola beira da estrada, para que circulen con maior precaución.

Ethel Vázquez subliñou que estas actuacións contribuirán a que este treito do Camiño de Fisterra gañe protagonismo, ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable.

Seguridade viaria no Camiño

A responsable de Infraestruturas enmarcou esta intervención nun novo programa da Xunta que recolle 70 actuacións para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos das rutas xacobeas que discorren en paralelo coas estradas autonómicas, cun orzamento global de 1,4 M€.

Concretou que son 70 actuacións, a executar con criterios comúns no deseño, que quedarán rematadas na súa totalidade neste mesmo ano.

Detallou, ademais, que no caso do Camiño de Fisterra, serán 11 as actuacións nas marxes de 6 estradas autonómicas ao seu paso por 8 concellos.

Ethel Vázquez concretou que xa están rematadas algunhas melloras, como a da estrada AC-445, en Corcubión, onde se habilitou un pequeno itinerario para os peregrinos; ou a da estrada AC-440, en Mazaricos, onde se acometeu un treito de senda.

Engadiu outras dúas obras en execución, esta de Fisterra e a prevista en Muxía, na AC-440, que quedarán finalizadas ambas as dúas a vindeira semana.
Lembrou que o Executivo autonómico impulsou nos últimos anos diversas actuacións en treitos das vías autonómicas coincidentes coas trazas dos Camiños, cun investimento de 3,5 M€, e que tamén está a ultimar as intervencións de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, cun orzamento de 12,6 M€.
A conselleira de Infraestruturas destacou que estas melloras na mobilidade que está a efectuar a Xunta poderían incrementarse se os criterios de reparto dos fondos Next Generation por parte do Goberno central fosen máis xustos.
 

Imaxes relacionadas