O Bono Coidado da Xunta atenderá tamén as necesidades das familias en períodos de vacacións escolares

O Goberno galego investirá neste programa 1,8 millóns de euros, ampliables en función das solicitudes, que axuda na conciliación das familias con nenos de ata 12 anos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o luns a súa convocatoria á que se poderán presentar solicitudes ata o 30 de setembro

As axudas atenderán as necesidades de conciliación rexistradas desde o 1 de xaneiro deste ano
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, anunciou hoxe que o Bono Coidado da Xunta atenderá tamén as necesidades das familias galegas en períodos de vacacións escolares e axudará a financiar servizos de conciliación nestas datas, como campamentos. Fíxoo durante un encontro que mantivo esta mañá coa Plataforma da Infancia no centro Don Bosco en Santiago de Compostela.

Con esta novidade, sempre que ambos proxenitores acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno de ata 12 anos na época de vacacións escolares, as familias poderán recibir unha axuda para a contratación dunha persoa ou para acudir a centros autorizados como ludotecas, espazos infantís ou servizos semellantes.

Ademais disto, o Bono Coidado continuará atendendo as necesidades puntuais que teñan as familias durante todo o ano. Polo tanto, poderase solicitar esta axuda económica para a contratación dun servizo de conciliación no caso de enfermidade do neno ou do coidador habitual, para cuestións de carácter laboral ou para outro tipo de situacións nas que se precise, sempre e cando sexan xustificables.

1,8 millóns de euros

O Goberno galego investirá nesta axuda 1,8 millóns de euros, ampliables en función das solicitudes. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro luns a nova convocatoria. Deste xeito, as persoas interesadas nesta axuda poderán solicitala desde a súa publicación no DOG ata 30 de setembro. Cómpre destacar que tamén se atenderán as necesidades de conciliación rexistradas desde comezos de ano.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100% do custe do servizo. Así e todo, a contía máxima da axuda será de 500 euros por unidade familiar no caso da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno no caso de asistencia a servizos de conciliación.
 

Imaxes relacionadas