A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González

Ethel Vázquez informa ao alcalde de Oza-Cesuras do inicio a próxima semana das obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840 entre Porzomillos e Oza

Vázquez Mourelle trasládalle ao rexedor que este martes tivo lugar o levantamento de actas de ocupación das expropiacións

As intervencións, cun investimento autonómico de 454.000 euros, consistirán na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección

O itinerario acometerase na marxe dereita da AC-840, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos

Reformarase a intersección que conecta a AC-840 coa vía que vai a Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña para reforzar a seguridade neste punto

A Coruña, 5 de agosto de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe ao alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, o inicio, a vindeira semana, das obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840, entre Porzomillos e Oza.

Vázquez Mourelle abordou hoxe co alcalde estas actuacións, cuxo levantamento de actas de ocupación das expropiacións xa tivo lugar este martes.

As intervencións, que suporán un investimento autonómico de preto de 454.000 euros, consistirán na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección.

As obras realizaranse de xeito coordinado e simultáneo para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna.

Por unha parte, a Xunta, atendendo á solicitude do Concello, construirá unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

O itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, acometerase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Por outra parte, o proxecto inclúe a reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000.

Trátase da reordenación da intersección que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Imaxes relacionadas