O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coas entidades que xestionan esta iniciativa en Galicia

A Xunta e as entidades xestoras do programa de protección internacional en Galicia manteñen unha xuntanza para analizar a situación actual dos seus beneficiarios

Esta reunión enmárcase nos encontros que periodicamente se veñen realizando entre a dirección xeral de Inclusión Social e as entidades que xestionan o programa en Galicia

Ao redor de 700 persoas benefícianse en Galicia desta iniciativa de acollida a persoas solicitantes de protección

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión cos representantes das entidades que xestionan actualmente en Galicia o programa de acollida a persoas solicitantes de protección internacional para analizar de primeira man a situación dos seus beneficiarios. No encontro participaron Cruz Vermella, ACCEM, Provivienda, Diaconía, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL) e Diversidades, integrada esta última na Rede Acolle.

Actualmente, en Galicia hai aproximadamente 700 persoas solicitantes de asilo que forman parte deste programa de protección. Trátanse de persoas de nacionalidades diversas, aínda que destacan as chegadas de Siria, Venezuela, Ucrania, Georgia ou Honduras.

A través deste programa realízanse unha intervención individualizada e centrada na adquisición de autonomía. A Xunta de Galicia colabora coas entidades do programa ao achegarlle servizos que precisan como recursos residenciais, a escolarización dos menores e o acceso ás prestacións sanitarias, entre outros.

Unha vez que as persoas acadan esta primeira fase de integración, no caso de que sexa necesario, terán acceso a outros servizos de inclusión e integración que a Administración autonómica financia.