A Xunta actualiza o protocolo fronte á covid-19 das escolas infantís, que seguirán sendo espazos 100% seguros no curso 2021/22

O Goberno galego adapta o anterior protocolo atendendo ao coñecemento da transmisión da pandemia, aos avances na vacinación e á evidencia científica acadada

O bo facer dos profesionais e as medidas implantadas permitiron que no curso 2020-2021 o número de escolas infantís abertas superase en todo momento o 99%

O novo protocolo posibilita deixar os carriños no centro e que os pequenos manteñan o calzado que traen posto da casa, entre outras novidades

Algunhas das obrigas que se manteñen: a limpeza e desinfección frecuente dos espazos, o lavado frecuente de mans, o distanciamento de seguridade entre traballadores ou o control de acceso ao centro a provedores e terceiros

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de actualizar o protocolo fronte á covid-19 das escolas infantís para adecuar as medidas implantadas o pasado curso ao coñecemento actual, aos avances na vacinación e á evidencia científica. Logo de recibir onte o aval do Comité Clínico, para o vindeiro curso revisaranse determinadas obrigas e flexibilizaranse algunhas restricións, mantendo sempre a seguridade.

O bo facer dos profesionais e as medidas de prevención postas en marcha en todos as escolas infantís permitiron que no curso 2020-2021 o número de centros abertos superase en todo momento o 99%. Grazas a isto, garantiuse un servicio fundamental para a conciliación das familias de Galicia. O obxectivo da Xunta de Galicia é conseguir os mesmos resultados coa actualización do documento, que mantén como clave do funcionamento dos centros as unidades estables de convivencia.

A actualización do protocolo trae consigo diferentes medidas de flexibilización que repercutirán directamente no funcionamento do centro e no seu día a día. A partir de agora as nenas e nenos poderán utilizar dentro da escola o calzado que xa traen posto da casa; os centros poderán establecer no seu plan de continxencia, e segundo as súas características, o acceso restrinxido dos pais á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención axeitadas; poderán deixar os carriños; e en exteriores, de ser necesario, permitirase que coincidan varias unidades estables de convivencia.

Ademais destas medidas, tamén mudarán outras. Desde setembro os profesionais non terán que realizar a enquisa de autoavaliación, non será necesario que se fagan entradas e saídas graduadas do persoal, permitiranse as actividades grupais na escola e as asociacións de nais e pais de alumnos poderán realizar reunións no centro, sempre que se produzan fóra do horario de atención educativa.

 

Medidas que se manteñen

Así mesmo, o Goberno galego manterá algunhas das medidas do protocolo inicial, será necesaria a ventilación, a limpeza e a desinfección de mans e dos espazos, será obrigatorio o uso de máscaras para o persoal, deberá efectuarse un control adecuado de acceso ao centro de provedores e terceiros, manterase a distancia de seguridade entre traballadores e evitarase coincidir en espazos reducidos, entre outras medidas.

Imaxes relacionadas