A Xunta contribúe á celebración do Festaclown en Vilagarcía a través das súas axudas a festivais

É un dos encontros subvencionados na modalidade de artes escénicas, que distribúe a súa dotación de 200.000 euros entre nove mostras de toda Galicia

O director de Industrias Culturais participou hoxe na presentación desta nova edición do certame, que desenvolve do 16 ao 21 de agosto unha programación centrada no humor, o circo e o compromiso social

Vilagarcía de Arousa, 5 de agosto de 2021

O Festaclown de Vilagarcía de Arousa é un dos nove encontros subvencionados este ano pola Xunta de Galicia a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas. O Goberno autonómico contribúe deste xeito á celebración dunha nova edición do certame arousán, que desenvolverá do 16 ao 21 de agosto unha ampla programación centrada no humor, o circo e o compromiso social.

Así o expuxo hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturuais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a presentación do evento na que, xunto a outros representantes institucionais, interviu o responsable da programación do festival, Nacho Fungueiriño. Contouse tamén coa actuación de acrobacias aéreas de Sue Moreno.

Na súa intervención, Sutil explicou que a Xunta achega máis de 15.300 euros á organización do Festaclown como un dos beneficiarios da devandita liña de subvencións, que acaba de ser resolta esta mesma semana. A convocatoria reforzouse este ano no marco do Plan autonómico de reactivación do sector cultural, cun aumento orzamentario do 5% respecto do investimento de 2020 e unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos eventos á evolución da pandemia.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén, deste xeito, o seu compromiso cos principais festivais galegos de artes escénicas, considerados estratéxicos nas súas respectivas contornas e ámbitos artísticos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar a súa celebración. Como sinalou o responsable de Industrias Culturais do Goberno galego, o obxectivo é facilitar a recuperación da actividade e a preservación do emprego cultural, así como volver gañar a confianza do público nos espectáculos ao vivo.

Máis de 3000 actividades culturais este verán

Neste mesmo sentido, a Xunta promove este verán máis de 3000 actividades a través de moi diferentes iniciativas e circuítos nos que as artes escénicas teñen unha importante presenza, como é o caso de Cultura no Camiño, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, entre outros.

Sutil referiuse especificamente á programación desta nova entrega do Festaclown, da que destacou a súa aposta polas formacións artísticas galegas. De feito, o festival terá como actividades previas a celebración de dous aniversarios: as dúas décadas como clowns de Fran Rei e Pedro Brandariz, que estrean o día 12 O gordo e o calvo: vinte anos despois, e os 40 anos do Taller de Teatro Clámide, de Vilagarcía, coa representación de O enfermo imaxinario o día 13.

O programa arrancará o luns 16 con animacións polas rúas das cidades, e estenderase ata o venres 20 cunha vintena de actuacións de destacadas compañías galegas, como Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas, entre outras, así como a nivel estatal e internacional (Bdergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi, Eddy Eighty etc.)

Dentro das súas actividades de concienciación social, o Festaclown acollerá o CheckPoint de Pallasos en Rebeldía e mais as propostas de narración oral a prol da igualdade e da diversidade de Larraitz Urruzola e Xarope Tulú. Ademais, o encontro retoma o seu certame, onde o público de todas as idades elixirá os seus espectáculos favoritos.