O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe Negreira, un dos 17 concellos beneficiarios coa cesión temporal destes vehículos

A Xunta ten distribuídos sobre o terreo 35 tractores para rozar 5.000 hectáreas dentro da prevención de incendios forestais

Os restantes 18 tractores están a traballar nos diferentes distritos forestais da nosa comunidade

Estes tractores súmanse aos 91 que a Consellería cedeu nos últimos catro anos para que outros tantos concellos puidesen reforzar as tarefas de xestión da biomasa

O plan preventivo aprobado polo Goberno galego contempla o investimento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación

Dentro desta planificación, José González puxo en valor o convenio de protección das aldeas, que está a dar os seus froitos, como o demostran os datos sobre o progresivo incremento do grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa
 

Negreira (A Coruña), 5 de agosto de 2021

Un total de 35 tractores alugados pola Xunta están a rozar, ao longo dun período aproximado de catro meses, unha superficie de preto de 5.000 hectáreas en áreas cortalumes para reforzar a prevención fronte os incendios forestais. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en Negreira, un dos 17 concellos beneficiarios coa cesión temporal destes vehículos. Os restantes 18 tractores están a traballar nos diferentes distritos forestais da nosa comunidade. González estivo acompañado nesta visita polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Neste senso, cabe sinalar que estes tractores súmanse aos 91 que a Consellería cedeu nos últimos catro anos para que outros tantos concellos puidesen reforzar as tarefas de prevención. Así, a Consellería subvencionou a compra de 68 tractores e cedeu outros 23 mediante convenios a municipios e mancomunidades.

Así, o conselleiro puxo en valor o esforzo que están a realizar a Xunta e a maioría dos municipios galegos para anticiparse aos lumes, tamén en época de alto risco. Así, José González salientou que este labor “non cesa” e que mentres as condicións meteorolóxicas o permiten, como é o caso, continúase traballando sobre o terreo. Ao tempo, o titular de Medio Rural valorou a colaboración interadministrativa que se concreta con esta medida, mesmo por riba de diferencias políticas, caso do municipio de Negreira. Este é un dos 6 concellos da provincia da Coruña aos que se lle cedeu este material de prevención.
Todo este labor -remarcou González- “súmase ao que realizan os servizos propios da Xunta e doutras administracións, caso da Deputación de Ourense, que é a única das catro deputacións galegas comprometida nestas tarefas”. O conselleiro lembrou que así, mediante o plan preventivo aprobado polo Goberno galego, invístense case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. Ademais, contémplase a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade e a construción doutros 222 novos.

Protección das aldeas

Dentro de toda esta planificación, José González salientou tamén o convenio de protección das aldeas, asinado coa Fegamp e coa empresa pública Seaga, e que -destacou- “está a dar os seus froitos”. Neste sentido, lembrou que a pasada semana puido comprobar, no concello ourensán de Boborás, os traballos dos supervisores que están a controlar o cumprimento da norma ao abeiro do convenio e todos os datos amosan un incremento evidente no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa.

Así, trasladou González, a porcentaxe tanto de parcelas como de hectáreas xestionadas sobre o total delimitado polo convenio -ao que xa están adheridos 270 concellos- pasou a ser da metade, aproximadamente, no 2019, a case o 70% neste ano 2021. Trátase, segundo explicou o conselleiro, de 157 parroquias priorizadas en toda Galicia, pertencentes a 81 concellos. Entre eles, engadiu, está o de Negreira, que conta con tres parroquias priorizadas, Aro, Lueiro e Xallas. Son, en total, máis de 142 hectáreas de superficie nas que se está actuar neste termo municipal, remarcou González, “como nos comprometeramos nunha xuntanza mantida co alcalde en xullo pasado”. Neste sentido, o conselleiro sinalou tamén que entre os anos 2016 e 2021 o concello de Negreira recibiu unha axuda da Xunta de case 248.000 euros para contratar brigadas municipais e realizar tratamentos preventivos. E só este ano recibirá 44.000 euros para esta finalidade.

A maiores, José González recordou que para controlar todos estes traballos, a Consellería despregou polo territorio galego un total de 45 supervisores, que actúan tanto nas parroquias priorizadas como nas non priorizadas. E, por último, o conselleiro puxo en valor as diferentes medidas contempladas no convenio de protección das aldeas, como son as accións nas faixas secundarias das parroquias priorizadas, as máis próximas ás vivendas; a xestión da biomasa ao longo de vías de titularidade municipal, ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano ou a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia. Estas dúas accións téñenas que solicitar os concellos, lembrou.

Así mesmo, tal e como indicou González, tamén se inclúen no convenio as aldeas modelo, para a recuperación e posta en valor das terras arredor de núcleos de poboación. Trabállase, ademais, impulsando a asistencia técnica aos concellos, en ámbitos como a delimitación das faixas secundarias e a tramitación, por parte dos entes locais, dos seus plans municipais de prevención e defensa contra incendios. Neste sentido, cómpre lembrar que xa se enviaron, por parte da Consellería, un total 232 plans a outros tantos concellos.
 

Imaxes relacionadas