O ciclo da Xunta ‘O país das bandas’ ofrece concertos o sábado en Oia, Mos e Salvaterra de Miño

A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade

Oia (Pontevedra), 5 de agosto de 2021

O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega este sábado a Oia, Mos e Salvaterra de Miño, onde haberá concertos o sábado a cargo de diferentes agrupacións musicais.

Asi, Oia acollerá a partir das 13,30 horas a actuación da Banda de Música da Vertula, de Paradela (Meis), creada en 1990 no seo do Centro Cultural A Roda Pequena e dirixida na actualidade por Manuel Muñoz Hermida.
O repertorio previsto inclúe os temas Pasodobre Dani Portas, Abba Gold, Muiñeira dos pendellos, Pasodobre de Mallou, Xota para Sotelino e Muiñeira de Rubiás. Soarán tamén O paraugas de Xosé, O carro, Rumbas de Cuba e Montealegre, Muiñeiras de Loliña e Camposa e Se chove.

Pola súa banda, o concerto de Mos comezará ás 20,00 horas no Centro Recreativo Cultural de Torroso. Nel, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia interpretará Bagaxes, Heatherwood, Tres imaxes de Mudga, Flashing winds e Choral music. Outras pezas do programa son Fantasía sobre tres temas galegos, Brasiliana, African Symphony e Muiñeira dos pendellos.

Fundada en 1998 con alumnado da academia de música de Ribadumia, a agrupación conta con compoñentes de idades comprendidas entre os 6 e os 35 anos, e ten unha banda infantil desde 2008. O seu director é Adrián Pais.

Concerto en Salvaterra de Miño

O concello de Salvaterra de Miño acolle tamén este sábado un concerto, ás 22,30 horas, a cargo da Banda de Música Popular de Tui. Dirixida por Eloy Carrera Bernárdez, a fundación desta formación sitúase no 1881. Tras desaparecer entre 1936 e 1942 por mor da Guerra Civil e en 1964 por falta de medios, en 1980 comeza a consolidarse a que sería a banda actual.

O repertorio desta actuación ofrece os temas A freixa, Fantasía sobre tres temas galegos, At world´s end, The ghost ship, Scherzando, Mozos do penedo, Martiñika e Uprising.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.