Román Rodríguez visitou o centro ourensán acompañado polo delegado da Xunta, Gabriel Alén

O conselleiro de Educación anuncia a licitación da rehabilitación integral do instituto Eduardo Blanco Amor cun investimento de máis de 1,2M€

A actuación forma parte do paquete de nove obras en centros educativos da provincia de Ourense, por importe de case 8M€, que a Xunta vai licitar antes de fin de ano

O Goberno galego está a realizar este verán 96 obras en colexios e institutos da provincia, cun investimento de máis de 2,8M€

A rehabilitación deste instituto ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e funcional do inmoble

Ourense, 5 de agosto de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou esta mañá a licitación, nas próximas semanas, da obra de rehabilitación integral do instituto IES Eduardo Blanco Amor, na cidade das Burgas, cun investimento de máis de 1,2M€. Nunha visita ao instituto, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gabriel Alén, o conselleiro explicou que esta é unha das nove actuacións de mellora que se van licitar antes de fin de ano nos colexios e institutos da provincia de Ourense, que contan cun orzamento de case 8M€.

Román Rodríguez puxo en valor o investimento que o Goberno galego está a facer nos colexios e institutos da provincia de Ourense este verán, cun total de 96 obras de mellora, por un importe de máis de máis de 2,8M€ e das que catro son obras de gran envergadura.

O conselleiro destacou, ademais, que a Xunta vai rematar ou recibir este ano unha decena de obras na provincia, cun investimento de máis de 3,6M€, entre as que destacou as do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional. Asegurou, por tanto, que “a educación non para” e no período de verán concéntrase unha “intensa actividade” co fin de que todo estea preparado e acondicionado para o inicio do curso.

Mellora da eficiencia enerxética

A rehabilitación integral do IES Eduardo Blanco Amor centrarase na mellora da eficiencia enerxética e funcional do centro. Para conseguilo, cambiarase a cuberta por outra de panel sandwich e reforzarase o illamento térmico mediante a aplicación de Sistema de Illamento Térmico polo Exterior (SATE), agás na zona de pedra, na que se inxectará poliuretano na cámara. No referido ao interior do centro, colocaranse novos falsos teitos e luminarias LED nas aulas e nos espazos comúns. Tamén se mudarán fiestras e persianas.

Por outra banda, cambiaranse as caldeiras existentes de gasóleo por outras de gas, coa súa correspondente instalación de acometida, renovando así o sistema de calefacción. Así mesmo, acometeranse traballos de pintado dos paramentos.

As obras teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que obxectivo é telas rematadas ao remate do primeiro semestre do 2022.

Tal e como lembrou o conselleiro, estas actuacións están enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que cun orzamento de 191M€ ata 2024 ten como obxectivo deseñar o parque de edificios educativos post-covid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental.

Imaxes relacionadas