Un total de nove empresas presentan ofertas para executar as obras da reforma e ampliación do centro de saúde do Porriño

A Xunta de Galicia ten previsto investir 4,6 millóns de euros nesta infraestrutura sanitaria de atención primaria

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

Un total de nove empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras da reforma e ampliación do centro de saúde do Porriño (Pontevedra), nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir 4,6 millóns de euros.

O proxecto contempla a reforma de 1.597 m2 e a ampliación doutros 1.105m2, co que o novo centro de saúde terá unha superficie de 2.702 m2. Unha vez que estea reformado e ampliado, contará con oito consultas de medicina de familia, oito de enfermería, tres consultas de pediatría e dúas de enfermería pediátrica, ademais dunha consulta de matrona. Tamén haberá unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas, xunto a unha sala de farmacia, unha área de fisioterapia e outra de odontoloxía, así como unha sala de educación sanitaria, entre outros espazos.

No referido a área do Punto de Atención Continuada (PAC), está previsto que dispoña de dúas salas de reanimación-observación, tres consultas médicas e dúas de enfermería.

Unha vez adxudicado, o proxecto terá un prazo de execución de 18 meses, co que, neste ano, iniciaranse as obras que permitirán cumprir o compromiso de que, nesta lexislatura, usuarios e profesionais terán á súa disposición un novo centro de saúde no Porriño.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cotobade (Tenorio), Pontevedra (A Parda), Sanxenxo (Vilalonga), Marín, Tui, Oia, Gondomar, Salceda de Caselas ou Nigrán (Panxón) e importantes reformas na Illa de Arousa, Vilaboa, Valga, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Crecente, Cuntis, Cambados, Covelo ou Mondariz-Balneario. Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o centros de saúde de A Estrada, e de asinar o protocolo para iniciar a construción dun novo centro de saúde en Soutomaior. Ademais, están xa en obras o novo CIS de Lalín e o novo centro de saúde de Bouzas (Vigo) e o proxecto do novo centro de saúde de Moaña.

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.

Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.