A Xunta abre hoxe en Guntín as charlas sobre a tarifa eléctrica que se sucederán en varios concellos da provincia

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, inaugurou a programación, que pretende axudar aos consumidores a aforrar e resolver dúbidas na materia

Guntín (Lugo), 4 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia deu comezo hoxe na Casa da Cultura de Guntín ao ciclo de charlas programadas para informar sobre a nova tarifa eléctrica, que organiza o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e que durante as vindeiras semanas recalará noutros municipios lucenses.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na sesión inaugural e destacou que esta campaña ten por obxecto facilitar aos consumidores a información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa implantada polo Goberno central –val, chairo e punta–, así como resolver dúbidas relacionadas, por exemplo, coa contratación de potencia ou o novo recibo da luz.

A campaña inicia a súa andaina en Lugo nesta xornada na que o prezo da luz rexistra o seu terceiro máximo histórico, logo da escalada das últimas semanas. O delegado sinalou que “somos un dos países de Europa coa tarifa eléctrica máis cara, un problema que nace da transición enerxética inxusta na que o Goberno central ten sumida ás familias e ao tecido empresarial”.

Neste sentido, lamentou que a previsión de abaratar o recibo doméstico nun 4,8%, quedara nun 2,5% tras o acordo do Consello de Ministros de onte, e instou ao executivo do Estado a asumir as súas responsabilidades, atopar solucións e escoitar ás comunidades autónomas. “Dende Galicia temos trasladado desde hai meses que son necesarias medidas estruturais de reforma do sistema eléctrico, cunha visión máis global a través da fiscalidade”, apuntou Arias.

Convocatorias

O IGCC ten confirmadas neste momento na provincia oito sesións informativas nas vindeiras semanas, pero aínda poden sumarse máis concellos. Así, a próxima charla terá lugar en Cervo, o día 18 na Casa da Cultura de San Cibrao; a continuación celebraranse no concello de Triacastela, o día 19; en Sober, o día 24; na Fonsagrada, o día 25; en Quiroga o día 26; e, xa en setembro, o día 1 en Paradela, o 9 en Guitiriz e o 22 en Outeiro de Rei.

Dentro desta campaña informativa, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na súa web, onde xa se pode atopar información referida á nova tarifa, e crearase tamén un apartado de preguntas e respostas, así como consellos e boas prácticas para axustar a factura.

Todos aqueles que precisen más información, poden acudir a calquera oficina que o IGCC ten repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, ou ben chamar ao teléfono gratuíto 900 23 11 23, operativo de 9 a 14 horas de luns a venres. Ademais, contan tamén cun correo electrónico no que trasladar as súas dúbidas ao organismo, así como un asistente de reclamacións. Pódese obter máis información e consellos prácticos tamén na web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Imaxes relacionadas