O Consello Técnico de Atención Primaria marca a súa axenda para avanzar na reforma deste nivel asistencial desde comezos de setembro

Nos primeiros 15 días de setembro definiranse os cadros de mando de información dos equipos directivos e as liñas xerais de actuación dos primeiros plans locais de saúde

Puxéronse en coñecemento deste órgano todas as medidas adoptadas pola Xunta para tratar de diminuír as consultas en primaria relacionadas coa covid-19
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de concluír unha nova reunión do Consello Técnico de Atención Primaria, na que definiu os pasos para concretar, xa no vindeiro mes, parte das reformas previstas nos documentos de conclusións aprobados nas reunións previas que este órgano veu celebrando asiduamente ao longo deste ano.

O 7 de setembro foi a data fixada para constituír o grupo que definirá o novo cadro de mando que se porá a disposición dos equipos directivos dos centros de saúde, co obxectivo de proporcionarlles a información estatística sobre datos sanitarios que requiran para planificar a súa actividade asistencial.

Por outra banda, acordouse o 15 de decembro como data na que ter rematadas as liñas principais dos primeiros plans locais de saúde, que se implantarán polo momento en 14 centros de saúde de toda Galicia, para ensaiar fórmulas de xestión adaptadas ás características de cada servizo, desenvolvendo ao máximo as potencialidades e roles de categorías como enfermería, farmacia ou persoal de xestión e servizos, e deseñando os plans de funcionamento e sistemas de cobertura de ausencias de cada centro.

Finalmente, informouse da intención de elaborar un modelo de axenda de calidade para o persoal de enfermaría, unha vez que xa foi presentado meses atrás o das axendas de calidade para o persoal facultativo. Tamén se informou aos membros deste órgano asesor da convocatoria, no próximo outubro, de cursos de habilidades directivas para xefes de servizo e coordinadores de enfermaría de primaria, dentro da estratexia global de potenciar estas figuras para acadar unha maior autonomía de xestión dos centros.

Redución da carga en primaria derivada da covid-19

Nesta reunión, o equipo directivo da Consellería de Sanidade trasladou tamén ao Consello Técnico as distintas medidas que a Xunta de Galicia ten implementado nas últimas semanas para tratar de reducir a carga asistencial en primaria derivada da situación de pandemia pola covid-19.

Explicáronse, deste xeito, os acordos acadados cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para poder realizar desde as oficinas de farmacia trámites como a expedición dos certificados de vacinación ou o rexistro dos resultados dos autotests que se realicen seguindo o protocolo marcado. Informouse, tamén, da posta en marcha de puntos de atención administrativa en distintas cidades e vilas de Galicia, destinados a dar cobertura a demanda de trámites como a dita expedición de certificados ou a solicitude de chave365, do incremento de prestacións da liña 900400116 para que poida emitir certificados de vacinación por SMS, ou xestionar a citación de persoas que deixaron pasar a súa cita, e do reforzo de efectivos na Central de Seguimento de Contactos para asegurar o seguimento por parte deste servizo dos contactos estreitos e a solicitude das súas probas, evitando así que estas persoas recorran ao centro de saúde.

A reunión, que estivo presidida polo xerente do Sergas, José Flores Arias, e que contou coa presenza da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo; da directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, transcorreu nun clima de consenso e colaboración no relativo aos obxectivos a alcanzar na transformación da atención primaria galega.

O Consello Técnico de Atención Primaria é un órgano colexiado creado a partir do documento do Plan Galego de Atención Primaria 2019-21, con carácter permanente, e co obxectivo de realizar asesoramento en aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria. Ten como función a avaliación de necesidades de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e a análise da súa capacidade resolutiva, das carteiras de servizos e das oportunidades de mellora na xestión de procesos asistenciais e nas relacións entre primaria e hospitalaria.

Imaxes relacionadas