O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos representantes do colexio

A Xunta analiza co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia o avance de reforma da Lei de Inclusión Social

No encontro abordáronse diversas cuestións relacionadas coa política de inclusión e a importancia da educación social na mesma

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión cos representantes do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) para analizar os avances da reforma da Lei de Inclusión Social, na que a Xunta de Galicia está a traballar coa colaboración das entidades sociais. No encontro tamén se abordaron diversas cuestións relacionadas coa política de inclusión social e a importancia da educación social no seu desenvolvemento.

Arturo Parrado sinalou que o obxectivo desta mellora normativa é modernizar e axilizar os recursos á disposición das familias máis vulnerables e simplificar ao máximo a burocracia co fin de que a tramitación das axudas sexa o máis rápida e áxil posible. Deste xeito, a renda autonómica (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) para adaptalas á realidade actual co fin de acomodalas ao novo contexto xurdido a raíz entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

Con encontros como o de hoxe, nos que se reciben as aportacións dos distintos axentes sociais expertos na materia, preténdese acadar unha norma que conte coa maior participación e consenso posible.

Así mesmo, os representantes do Colexio trasladaron propostas de mellora do Sistema Galego de Servizos Sociais como a necesidade de continuar reforzando a presenza dos educadores e educadoras sociais nos equipos multidisciplinares dos servizos sociais comunitarios. Deste xeito, poñen en valor a importancia do papel que realiza este persoal para a inclusión das persoas máis vulnerables.