O centro de visitantes da Illa de Ons acolle desde hoxe a exposición ‘Ons Soa’

Na mostra, que se poderá visitar ata o 15 de setembro, articúlase a través de 18 fotografías un relato autoetnográfico sobre o patrimonio cultural deste espazo insular do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Bueu (Pontevedra), 4 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inaugura hoxe no Centro de visitantes da illa de Ons a exposición Ons Soa, unha mostra comisariada por Paula Ballesteros.

Esta exposición está formada por 18 fotografías, e outros documentos audiovisuais, coas que representar historias de vida, dunha comunidade que modelou a propia illa e conviviu con esas pedras desde o respecto, dotando dunha enorme simboloxía aos espazos, con numerosos mitos e lendas asociados a elas.

A mostra, que se poderá visitar ata o 15 de setembro, coincidindo co fin do transporte regular de pasaxeiros á illa, foi este ano unhas das actividades paralelas da 16ª Mostra internacional de cinema etnográfico Museo do Pobo Galego.

O arquipélago de Ons pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desde 2002 —xunto cos de Cíes, Sálvora e Cortegada— e é o único que aínda está habitado.

Imaxes relacionadas