O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade inaugura a exposición, que poderá visitarse ata o 13 de setembro na Autoridade Portuaria

A Xunta leva á Coruña a mostra ‘40 anos de Autonomía de Galicia 1981-2021’, que narra a transformación do país desde a aprobación do Estatuto

Román Rodríguez salienta que o texto estatutario aprobado en 1981 supuxo un triunfo da vontade popular e unha reivindicación dos valores democráticos “que latexaban na sociedade galega” ao tempo que trouxo consigo “un inédito esplendor cultural, lingüístico e educativo”

O proxecto expositivo arranca a finais dos anos 70, cando se xesta a autonomía, ata a actualidade, cun percorrido polos cambios acontecidos ao longo de 40 anos
 

A Coruña, 4 de agosto de 2021

A mostra Unha Galicia Mellor. 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia 1981-2021, impulsada pola Xunta, chega á Coruña para dar a coñecer a transformación da sociedade galega ao longo dos últimos 40 anos desde a aprobación do texto estatutario que marcou un punto de inflexión na historia da comunidade autónoma.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, -que esta mañá inaugurou a exposición- destacou que o Estatuto de Galicia “supuxo un triunfo da vontade popular e unha reivindicación dos valores democráticos que latexaban no seo da sociedade galega”, ao tempo que trouxo consigo “un inédito esplendor cultural, lingüístico e educativo do que hoxe somos herdeiros e debedores”.

En palabras do conselleiro, o texto estatutario exerceu de “catalizador da transformación social” en todos os eidos pero especialmente no que atinxe ao eido do idioma galego. “O recoñecemento da súa co-oficialidade e a exaltación do seu valor patrimonial restituíu para o galego unha condición que permanecía negada polo réxime franquista, e dignificou un idioma que hoxe nos vencella a todos a unha identidade común e inequívoca”, abondou. Así pois, na súa intervención, Román Rodríguez apelou a seguir traballando de xeito conxunto para que sigan prevalecendo “os valores orixinais que se arroxan daquel espírito de renovación, de esperanza e de futuro”.

A Coruña como protagonista

O conselleiro lembrou tamén o especial protagonismo da Coruña, xa que foi esta provincia a que aglutinou o maior número de votos a favor do Estatuto, cuxo contido partía do texto orixinal de 1931 que fora aprobado na cidade herculina e desde onde se enviara ás Cortes Xerais do Estado.

A mostra, que permanecerá aberta ao público na Autoridade Portuaria ata o 13 de setembro, narra a través de paneis, videos, carteis e reproducións fascímiles, a transformación e modernización da sociedade galega ao longo dos últimos corenta anos, desde finais dos anos 70 cando se xesta a autonomía, ata o ano 2021 no que se conmemora a efeméride da promulgación do Estatuto de Autonomía o 6 de abril de 1981.

O proxecto expositivo está apoiado con datos e indicadores obxectivos referidos a cuestións do eido educativo, laboral, social, sanitario ou empresarial, entre outros.

Neste senso, amósanse campañas da Xunta elixidas pola súa especial significación e impacto social (campañas de vacinación, promocil de productos do país, defensa do patrimonio natural e cultural, reivindicación do uso do idioma galego), pezas audivisuais sobre a Galicia dos anos 80 (o referendo de 1980, as primeiras eleccións autonómicas ou a toma de posesión de Gerardo Fernández Albor) ou pezas destacadas como a Acta de Constitución da Asamblea de Parlamentarios de Galicia ou o álbum de recortes de prensa de Iglesias Corral.

No acto de presentación tamén participaron o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez, o vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, e o comisario da exposición, Ruben Ventureira; así como contou coa asistencia do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
 

Imaxes relacionadas