O titular da Xunta visitou o Museo do Gravado en Ribeira

Feijóo destaca o labor conservador e divulgativo dos museos e a súa potencialidade no marco do turismo seguro

Avanza que Ribeira acollerá nun proxecto piloto a primeira residencia do novo modelo de coidados que se implantará en Galicia

Ribeira (A Coruña), 4 de agosto de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o labor conservador e divulgativo dos museos e a súa potencialidade no marco do turismo.

Durante a súa visita ao Museo do Gravado en Ribeira, o titular do Goberno galego salientou os máis de 36 millóns de euros de investimento da Xunta durante 2021 e 2022 en apoios aos museos galegos. Galicia é consciente, dixo, da gran relevancia dos museos como preservadores do noso patrimonio material histórico e da súa actividade en prol da divulgación.

Neste sentido, Feijóo cualificou o Museo do Gravado como un “verdadeiro dinamizador cultural” no que se pode contemplar unha colección de estampas que supera os 40.000 rexistros de máis de 400 artistas, que abrangue 7 séculos de historia con incunables do século XVI e que conta cunha recentemente ampliada Biblioteca Ilustrada con máis de 6.000 exemplares en máis de 30 idiomas.

Primeira residencia do novo modelo de coidados

O presidente da Xunta aproveitou a súa visita a Ribeira para avanzar que este concello acollerá, nun proxecto piloto, a primeira residencia do novo modelo de coidados que se implantará en Galicia. Este proxecto, que contará cun orzamento duns 10 millóns de euros, será financiado con fondos europeos.

Ao fío disto, Feijóo salientou que con esta decisión a Xunta volve explicitar o seu compromiso co rural, “que é onde viven a maior parte dos nosos maiores”, abundou.

Así mesmo, concretou que a nova residencia de Ribeira contará cun máximo de 100 prazas e unha estrutura adaptada ao novo modelo, máis centrada na persoa, accesible e con maior intimidade grazas ás habitacións individuais e os baños adaptados.

“O centro de Ribeira será pioneiro no novo modelo”, dixo, ao tempo que engadiu que “as residencias do futuro serán máis acolledoras, máis funcionais, con maior capacidade para sentirse nun fogar e moito máis accesibles”.

Finalmente, o titular do Goberno galego concluíu sinalando que o novo modelo contará con tres piares básicos: apostar pola tecnoloxía e poñela ao servizo da calidade de vida dos usuarios; explorar medidas estruturais e arquitectónicas para optimizar, desde o realismo e eficacia, os servizos de atención; e avanzar na imprescindible coordinación entre o eido social e sanitario.

Imaxes relacionadas