A Xunta licita o contrato de explotación e mantemento da depuradora da Pobra do Caramiñal para os vindeiros 2 anos, cun investimento de 1,7 M€

O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 13 de setembro

O contrato inclúe os traballos de explotación e conservación das instalacións para que cumpran os obxectivos de depuración en condicións óptimas de funcionamento

As tarefas tamén prevén a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da depuradora, estratéxica ante vertidos de carácter industrial

A Xunta xestiona esta depuradora desde 2005, cun investimento total de 12,5 M€

O Goberno galego, aínda que o saneamento e o abastecemento son competencias municipais, proporciona apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou o contrato de explotación e mantemento da depuradora da Pobra do Caramiñal para os vindeiros 2 anos por un importe de máis de 1,7 millóns de euros.

A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de setembro.

A depuradora da Pobra do Caramiñal está deseñada para unha poboación de 30.000 habitantes equivalentes e para un caudal medio de 6.000 m³/d.

O contrato licitado abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que formen parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento.

As tarefas de mantemento tamén prevén a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da estación depuradora de augas residuais, que é estratéxica debido aos vertidos de carácter industrial.
Cómpre lembrar que o Concello da Pobra do Caramiñal solicitou en abril a continuidade da xestión autonómica das instalacións da depuradora, aprobándose en Pleno o convenio de colaboración proposto por Augas de Galicia de cara ao cumprimento conxunto dos obxectivos de garantía e calidade no eido do saneamento e da depuración.

A xestión e o mantemento destas instalacións veñen sendo prestados pola Administración autonómica desde a finalización das obras da depuradora no ano 2005, cun investimento total de 12,8 millóns de euros.

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.