A Xunta inicia as obras de renovación integral do firme na estrada autonómica PO-552, que supoñen un investimento de 1,8 M€

A intervención prevé a mellora integral de máis de 30 quilómetros da estrada PO-552 e dun treito da PO-325, nos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona

Este contrato inclúe a reposición do revestimento rugoso do carril-bici, pintándose de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal

Na estrada PO-325 actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e desde o 15+000 ata 15+800, coa reposición do pavimento, e procederase ao pintado das marcas viarias

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de renovación integral do firme na estrada PO-552, que suporá un investimento de 1,8 millóns de euros.

Os traballos comezaron co fresado dos símbolos pintados no firme do carril bici Baiona-A Guarda, que se eliminan para unha correcta adherencia do novo firme, que se estenderá a próxima semana.

A actuación recolle a mellora integral de máis de 30 quilómetros da estrada autonómica PO-552 e dun treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona.

No marco da intervención, cun prazo de 4 meses, acondicionarase a capa de rodadura en toda a lonxitude da PO-552, en 30,4 quilómetros, reforzando a seguridade viaria.

Deste modo, deseñouse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas, que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que se renovará a senda peonil.

Nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.

Carril-bici Baiona-A Guarda

A intervención inclúe a reposición do revestimento rugoso do carril-bici con capas de resina sintéticas, pintándose de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal. Ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.

Na estrada PO-325 actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e desde o 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viarias horizontais e das zonas cebreadas.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.

Imaxes relacionadas