A Xunta entrega ao concello de Cospeito as infraestruturas que completan a rede xeral de abastecemento no municipio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinala que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 592.000 euros na extensión do servizo a nove núcleos de poboación

Cospeito (Lugo), 4 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia formalizou hoxe a entrega ao concello de Cospeito das infraestruturas que completaron a rede xeral de abastecemento do municipio, tras a extensión do servizo a nove núcleos de poboación das parroquias de Santa María, Xermar e Roás. No acto participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, Armando Castosa, ademais dos alcaldes pedáneos de diferentes parroquias.

Arias explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investiu 592.000 euros neste proxecto, que serviu tamén para lograr unha mellora global da rede en aspectos como a cloración, medición de caudais e xestión informática dos datos.

O delegado lembrou que a Xunta completou a dotación das infraestruturas de abastecemento no municipio en tres fases, que supuxeron un investimento conxunto de preto de 2,9 millóns de euros. Neste sentido, subliñou que o Goberno galego “colabora cos concellos rurais para garantir que as dotacións básicas cheguen a todos os veciños e veciñas, en calquera lugar do territorio e nas mesmas condicións”.

Últimas obras executadas

O abastecemento de Cospeito está composto por dous sistemas independentes, o de Rabadá e o das Paincegas (Muimenta), asociado cada un deles a unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) propia.

O último proxecto executado consistiu na conexión de Santa María de Cospeito co sistema da potabilizadora de Rábada mediante unha tubaxe que tamén abastece a Fonte e Xermar. Por outra banda, executouse unha segunda condución xeral conectada co sistema da potabilizadora das Paincegas, que abastece a Roás. Por último, construíronse ramais secundarios que dan servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte.

Imaxes relacionadas