A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal asinaron o convenio de colaboración

A Xunta e o Concello da Estrada colaboran na mellora da accesibilidade das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez

Entre ambas entidades achegarán un orzamento de case 310.000 euros para a materialización deste proxecto que se enmarca no plan Hurbe

A responsable autonómica subliña que estas melloras unen dous focos relevantes da vila, como son a praza de Galicia e a alameda municipal

A Estrada (Pontevedra), 4 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello da Estrada colaborarán na mellora da accesibilidade de dúas rúas deste municipio: Calvo Sotelo e Justo Martínez, unha actuación á que se destinará un orzamento de case 310.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José López Campos, asinaron esta mañá o convenio de colaboración, polo que a Xunta achegará un 70% do orzamento (máis de 215.000 euros), mentres que o concello o 30% (máis de 90.000 euros).

Vázquez Mejuto avanzou que coa sinatura do convenio, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar os trámites para licitación das obras.

Tal e como salientou a conselleira, esta actuación unirá dous puntos importantes do concello, como é a praza de Galicia, no caso da rúa Calvo Sotelo –onde se retirarán os bolardos e se renovará o asfalto-, e a alameda que rodea o edificio consistorial, no caso da rúa Justo Martínez, onde se ampliarán as beirarrúas actuais, se nivelará a cota e se instalarán novas rasantes para as escorrentías das augas pluviais. En ambos casos, as obras rematarán coa sinalización necesaria e a reposición dos servizos afectados.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o que se pretende é recuperar un espazo público peonil, para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños; e o mantemento e conservación das rúas, en óptimas condicións de seguridade para os peóns e os vehículos.

Destacou que se trata dunha actuación que se enmarca no programa de humanización de rúas do plan Hurbe, impulsado polo Goberno autonómico hai máis dunha década para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Nese sentido, o alcalde da Estrada agradeceu a sensibilidade do departamento que dirixe Ángeles Vázquez, ao que presentou este proxecto de humanización “cun claro encaixe no plan Hurbe e que brindou colaboración tamén na tramitación que requiría” e grazas ao cal se dinamizará unha zona de gran actividade comercial.

Imaxes relacionadas