Ethel Vázquez avanza que neste mes quedarán rematadas as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada po-551 en Bueu, logo dun investimento da Xunta de 1,1 M€

Vázquez Mourelle sinala que os traballos xa roldan o 90% de execución e só resta a sinalización e a instalación de semáforos e equipamento intelixente nos pasos peonís

A intervención consistiu na execución dunha senda de 200 metros pola marxe dereita da vía, que continúa a construída entre Vilaseca e Lapamán, en Marín

Tamén se habilitaron dúas glorietas, en servizo desde xuño, unha para facilitar o acceso á praia de Lapamán e outra no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo

Ethel Vázquez avanza que a nova senda entre Trasouto e o Alto da Portela, cun investimento de 643.000 euros, estará rematada a principios do vindeiro ano
 

Bueu (Pontevedra)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que neste mes quedarán rematadas as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Bueu, logo dun investimento da Xunta de 1,1 millón de euros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado das obras de mellora da seguridade viaria que se están a ultimar na estrada autonómica PO-551.

Os traballos xa roldan o 90% da execución total, pois xa se estendeu a capa de aglomerado e se actuou nos pasos de peóns. Só resta por instalar os semáforos e o equipamento intelixente nos pasos peonís, a iluminación nas glorietas e a sinalización.
A intervención consistiu na execución dunha senda de 200 metros, pola marxe dereita da vía, que lle dá continuidade á construída entre Vilaseca e Lapamán, en Marín, no marco do Plan de sendas da comarca do Morrazo.

Tamén se habilitaron dúas novas glorietas, que están funcionando desde mediados de xuño, unha delas, a de Lapamán, facilitando o acceso á praia. Ademais, mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia e dispuxéronse 15 prazas de aparcadoiro.
A segunda rotonda, a de Castrelo, sitúase no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo, para facilitar os xiros en condicións máis seguras.

A intervención incluíu o acondicionamento dunha intersección en Marín, atendendo á solicitude que fixo o Concello durante a participación pública, dispoñendo cuñas de cambio de velocidade para mellorar a visibilidade e a seguridade viaria na zona.

O proxecto tamén recolleu o reforzo da seguridade viaria das paradas de autobús e as de 4 pasos de peóns, incorporando, para iso, sinalización luminosa específica, que se activa ao paso das persoas, pasos de peóns “intelixentes”. Tamén se realizaron actuacións complementarias como o aumento do ancho das beiravías, a redución da velocidade a 50 km/h, a colocación de captafaros ou de marcas viarias rugosas nos bordos da estrada.

A conselleira lembrou que esta actuación forma parte da Estratexia que se está a desenvolver desde a Xunta para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes na rede de estradas autonómicas, que supoñen un investimento de máis de 15 M€.

Senda Trasouto- Alto da Portela

Por outra parte, Ethel Vázquez destacou que as obras da senda peonil entre Trasouto e o Alto da Portela, cun investimento autonómico de 643.000 euros, continúan avanzando nesta mesma estrada, na PO-551.

Trátase dun itinerario que se constrúe pola marxe esquerda de 1,8 km, que conectará coas beirarrúas actuais, conformando un itinerario peonil seguro, máis cómodo e funcional para os veciños.

Os traballos comezaron a finais de maio e o grado de execución rolda o 50%, polo que o seu remate se prevé para principios do vindeiro ano, xa que ten un prazo de 9 meses. A actuación está cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable.

A responsable de Infraestruturas puxo en valor estas dúas actuacións de mellora da seguridade na PO-551 en Bueu e tamén no concello veciño de Marín, que contan cun investimento global de 1,8 millóns de euros.
Engadiu novas intervencións para esta área, como o proxecto que se está a redactar para dar continuidade ás beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza. A intervención require de expropiacións, polo que se agarda sometelo a información pública este outono.

Tamén se referiu á nova glorieta na estrada PO-551, para mellorar a entrada ao polígono, intervención que debe ser coordinada coa senda de Trasouto. A previsión é someter o proxecto a información pública en vindeiras semanas.

Ethel Vázquez remarcou a aposta da Xunta pola mellora da mobilidade en concellos como Bueu, fronte á acción do Goberno de España, cuxos criterios exclúen dos fondos Next Generation aos municipios de menos de 50.000 habitantes, como este pontevedrés.
Neste sentido, a conselleira convidou ao Concello de Bueu a asinar a ‘Declaración Institucional por un rural forte e conectado’, impulsada pola Xunta e por 75 concellos o pasado sábado, coa fin de lograr un cambio nos criterios de reparto dos fondos de reconstrución.
 

Imaxes relacionadas