A Xunta recuperará a pasarela colgante de Acevedo, en Oia, para desfrute da veciñanza e dos peregrinos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asinou esta mañá coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o convenio que permitirá investir máis de 90.000 euros na contorna do río Tamuxe

Alfonso Rueda indicou que este é un enclave singular do Camiño Portugués da Costa, un dos que máis está a medrar nos últimos anos

A Xunta está a levar a cabo unha serie de actuacións para a humanización e embelecemento da contorna das diferentes rutas do Camiño cun investimento que este ano acada 1,5M€
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asinou esta mañá coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o concello pontevedrés para a recuperación da pasarela peonil colgante de Acevedo, un lugar estratéxico tanto para a veciñanza como para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués da Costa. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, coa sinatura deste convenio preténdese rehabilitar unha infraestrutura degradada para uso dos peóns e dos ciclistas, ofrecendo así un espazo de ocio e descanso para a veciñanza da zona, para os peregrinos e para o turismo en xeral. Con esta finalidade, a Xunta inviste, a través da Axencia Turismo de Galicia, algo máis de 90.000 euros.

As obras perseguen a recuperación da ponte colgante integrada na paisaxe que dá acceso a Monte Redondo e Cova de Lobo, onde está previsto fomentar unha área natural na contorna do río Tamuxe. Con esta actuación, ademais de habilitar un espazo natural e de lecer, mellórase a seguridade dos visitantes coa substitución da ponte actual, moi deteriorada polo paso do tempo.

Alfonso Rueda indicou que este é un enclave singular do Camiño Portugués da Costa, un dos que máis está a medrar nos últimos anos en número de visitantes, de aí a importancia desta obra. Agradeceu a implicación de concellos como o de Oia na conservación da ruta e na promoción do Camiño e do Xacobeo.

A Xunta está a levar a cabo unha serie de actuacións para o embelecemento de enclaves singulares no Camiño de Santiago, coa finalidade de acondicionar a paisaxe e os valores culturais ligados ás distintas rutas e apoiando iniciativas de conservación e difusión desenvolvidas polos concellos polos que atravesan os itinerarios xacobeos. Nestas medidas para a humanización e embelecemento da contorna das diferentes rutas do Camiño o investimento deste ano acada os 1,5M€.
 

Imaxes relacionadas