O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do alcalde do municipio, Carlos Costa

A Xunta financia a mellora dos espazos exteriores e do illamento térmico da escola infantil de Campo Lameiro

O Concello executará os traballos, que sufragará o Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público

Campo Lameiro (Pontevedra), 4 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia mellorará os espazos exteriores e as condicións de illamento térmico da escola infantil de Campo Lameiro, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde deste concello pontevedrés, Carlos Costa, visitaron esta mañá o centro para dar conta destes traballos.
As actuacións previstas, que se desenvolverán durante este mes de agosto para estar rematadas para o inicio do curso escolar en setembro, axústanse ás necesidade postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. En concreto, procederase á renovación da carpintería de aluminio; de xogos infantís e pavimentos; e do valado de madeira. Así mesmo, acometeranse diversos arranxos na instalación eléctrica de calefacción.

A execución das obras correrá a cargo do Concello e serán financiados polo Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Mellora continua das instalacións

Perfecto Rodriguez enmarcou esta intervención nos “traballos de mellora continua que se realizan nas escolas infantís aproveitando o verán”. Ao respecto, engadiu que o obxectivo “é que as familias galegas e os seus nenos teñan á súa disposición, ademais dun proxecto educativo de calidade, as mellores instalacións”.

A escola comezará o día 6 de setembro o novo curso, para o que ten ata o momento unha decena de nenas e nenos admitidos.
 

Imaxes relacionadas