O Mirador do Castro de Parada de Sil convértese en escenario de danza co programa ‘Propulsa’ da Xunta

Representaranse os espectáculos Amparo, de Entremáns e Conxurando o invisible, de Aïda Colmenero Dïaz

A iniciativa busca a posta en valor da riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento
 

Parada de Sil (Ourense), 4 de agosto de 2021

O programa da Xunta Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio continúa o seu percorrido pola provincia de Ourense, onde chegou a pasada fin de semana. Así este venres, día 6, a partir das 20,00 horas, o Mirador do Castro de Parada de Sil convértese en escenario dos espectáculos Amparo, de Entremáns e Conxurando o invisible, de Aïda Colmenero Dïaz. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

Amparo inspírase na protagonista da novela La tribuna, da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, arquetipo da liberdade que, como moitas outras mulleres, non tivo medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos. A creación, dirección e interpretación da peza corre a cargo de Ana Beatriz Pérez, coa asistencia coreográfica de Armando Martén e a música de Xosé Luís Romero e outros.

Pola súa banda, o espectáculo Conxurando o invisible preséntalle ao mundo un mantra de respecto aos que rezan coas voces e presenzas ascentrais, ademais de recuperar elementos do patrimonio inmaterial da tradición cultural galega. A peza está dirixida por Aïda Colmenero, que a interpreta acompañada do grupo Abertal da Rúa.

Tras a súa volta a Galicia, a creadora Aïda Colmenero Dïaz desenvolve un proceso de creación da memoria persoal familiar da súa infancia e de todos os seus devanceiros. Investiga o folclore galego para a busca de movementos e realiza un percorrido de memoria do corpo colectivo. Acompañada de cantos populares galegos, da comarca das súas tataravoas, conxura e reza con aquilo que non se ve, o invisible, as voces e presenzas ascentrais, non palpables, pero que sempre estiveron aí.

Espectáculos en 27 espazos singulares

Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e remata o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.
 

Imaxes relacionadas