A Xunta acorda co concello de Vilardevós a mellora da climatización do seu centro de saúde

O conselleiro de Sanidade e o alcalde desta localidade asinaron onte un convenio que destinará preto de 11.000 euros a acometer esta mellora, cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso Pérez, asinaron onte un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento da mellora do sistema de climatización do centro de saúde da localidade, incorporando un sistema de produción de aire frío para as épocas de verán. No acto, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro e pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 10.656 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo.

O informe remitido polos técnicos do concello acreditaba a conveniencia, co fin de mellorar as condicións tanto dos usuarios como dos traballadores, da dotación dun sistema de produción de aire frío nas dependencias do centro de saúde.

O texto deste convenio foille proposto ao concello o pasado 1 de xullo nunha reunión mantida por parte do delegado Territorial, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, co alcalde. Neste mes, ambas administracións teñen avanzando na tramitación administrativa deste acordo, que culmina hoxe coa sinatura e que permitirá comezar canto antes coas obras de instalación.
 

Imaxes relacionadas