A Xunta engalana 13 tramos do Camiño de Santiago en vilas e cidades lucenses para dar a benvida aos peregrinos

Xacobeo Benvida é unha iniciativa que busca implicar todo o territorio na celebración deste Ano Santo a través da colocación de bandeirolas en tramos peonís do Camiño

Ata o 30 de outubro penduraranse algo máis de 200 bandeirolas repartidos nas nove rutas terrestres do Camiño

Lugo, 3 de agosto de 2021

A Xunta vén de poñer en marcha o proxecto Xacobeo Benvida a través de Turismo de Galicia, que acentúa o bo acollemento aos peregrinos ao tempo que axuda a sensibilizar ás poboacións de vilas e cidades galegas das rutas xacobeas da súa pertenza aos Camiños de Santiago.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que na provincia de Lugo engalanáronse 13 tramos noutros tantos cascos históricos atravesados polas rutas. Así, no Camiño Francés colocáronse bandeirolas decoradas con motivos xacobeos no Cebreiro, en Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín. No do Norte, en Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo e Vilalba. No Camiño Primitivo en Lugo e A Fonsagrada, e no de Inverno en Monforte de Lemos e Chantada.

Arias visitou algúns destes puntos acompañado, entre outros, polo presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Lugo, Ángel Trabada, e subliñou que esta iniciativa axuda a implicar á veciñanza na celebración deste Ano Santo excepcional.

En todo o territorio galego instálanse máis de 200 bandeirolas nas nove rutas terrestres, coas que se busca facer máis visible a celebración do Ano Santo e do Xacobeo; permanecerán penduradas ata o 30 de outubro, lembrando o vencello destes concellos coas Rutas Xacobeas.

Imaxes relacionadas