A Xunta destaca que Rías Baixas aglutina case a cuarta parte das hectáreas demandadas polas denominacións de orixe vitivinícolas para polígonos de viñedo

En concreto, esta DOP solicitou recuperar para a plantación de vides máis de 2.200 hectáreas de terras en estado de abandono ou infrautilización, das máis de 10.000 ha trasladadas polas cinco denominacións de orixe dos viños galegos

Exaltando a calidade e o potencial exportador que caracteriza a DOP Rías Baixas, José González puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, para seguir consolidando o sector nos distintos mercados

Ao tempo, lembrou que o Goberno galego vén de activar de novo o préstamo vendima, para garantir a compra da uva nesta campaña en condicións normais de mercado
 

Cambados (Pontevedra), 3 de agosto de 2021

A Xunta destaca que Rías Baixas aglutina case a cuarta parte das hectáreas demandadas polas denominacións de orixe vitivinícolas galegas para executar polígonos de viñedo. En concreto, esta DOP solicitou recuperar para a plantación de vides máis de 2.200 hectáreas de parcelas en estado de abandono ou infrautilización, das máis de 10.000 ha trasladadas polas cinco denominacións de orixe dos viños galegos. Así o resaltou o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe participou no acto de entrega de premios ás bodegas gañadoras da edición número 69 da Cata Concurso da Festa do Albariño acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Deste xeito, o conselleiro puxo en valor a participación do sector vitivinícola para acollerse a unha lei -a de recuperación da terra agraria de Galicia- pensada para comarcas como a do Salnés. Nesa liña, referiuse a esta bisbarra como unha terra ideal para a posta en marcha de actividade rendible con valor engadido que permita, así mesmo, facerlle fronte aos incendios forestais, mobilizando a terra baixo as premisas da recuperación e da prevención.

Exaltando a calidade e o potencial exportador que caracteriza a DOP Rías Baixas, José González lembrou que a Xunta vén de implementar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, que -tras o consenso con todos os axentes implicados- persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se producen. Para conseguilo, destacou, incidirase na cooperación estratéxica e na coordinación entre as comarcas vitivinícolas, no fomento da innovación e do relevo xeracional para facer do cultivo de vides unha actividade rendible e no aumento do tamaño das adegas para que consigan ser máis competitivas.

Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural tamén se referiu ao préstamo vendima, que se vén de activar un ano máis para garantir a compra da uva na campaña de 2021 en condicións normais de mercado. Así, José González enmarcou a medida no firme apoio da Xunta aos viticultores galegos, acompañándoos mentres persisten os efectos da covid-19.
Nese senso, volvéronse convocar tamén outras liñas de axudas, para a reestruturación e reconversión de viñedo, para apoiar as funcións dos consellos reguladores, para a produción e comercialización do viño e para a súa promoción en terceiros países. Unhas achegas que buscan potenciar un sector que aglutina máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas cun valor económico anual superior aos 230 millóns de euros.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o gran traballo que leva facendo tanto o consello regulador como o propio sector do viño en Cambados para impulsar un evento que se converteu na primeira festa enogastronómica de Galicia en conseguir ser declarada Festa de Interese Turístico Internacional e a segunda festividade de Galicia en converterse en Festa de Interese Turístico Nacional.

Nava Castro aproveitou para pór en valor o peso que o enoturismo está chamado a desenvolver na recuperación do sector turístico galego, contribuíndo a paliar o efecto da pandemia no sector do viño e fomentando experiencias que encaixan á perfección coas necesidades dos novos viaxeiros, xa que “a enogastronomía e o enoturismo aúnan as principais motivacións á hora de elixir Galicia, tanto pola calidade como pola riqueza enoturística singular e única que nos converte nun destino enoturístico de primeiro nivel".

Imaxes relacionadas