A Xunta licita por case 150.000 € as obras de mellora e humanización na capitalidade do Pereiro de Aguiar

A actuación prevé o soterramento das conexións ás vivendas, actuacións sobre a rede de sumidoiros e a instalación de novo pavimento, iluminación e mobiliario urbano

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou por preto de 150.000 euros as obras de mellora e humanización da capitalidade do concello do Pereiro de Aguiar. A plataforma de contratos públicos da Xunta acaba de publicar o contrato da actuación, cuxo prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 19 de agosto.

Esta obra, que se executa ao abeiro dun convenio de colaboración no que a Xunta achega un 70% do orzamento necesario, permitirá que o ámbito delimitado pola rúa Grande, a praza do Concello e o camiño Baralongo teña unha aspecto renovado e integrado coa paisaxe, ademais de ser unha zona moito máis funcional, aberta e accesible aos veciños.

Os traballos consistirán no soterramento das instalacións e das conexións á vivendas, para garantir servizos básicos municipais de calidade; a instalación dunha rede de sumidoiros separativa, para mellorar a xestión das augas residuais deste ámbito; a rehabilitación do pavimento; e a instalación de iluminación e mobiliario urbano.

Esta é unha nova mostra do compromiso e esforzo que a Xunta está a facer, desde hai máis dunha década, para colaborar coas entidades locais na execución de diferentes tipos de proxectos urbanísticos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo, a través do coñecido plan Hurbe.