As obras da ponte de Baio avanzan coa previsión de abrir un carril de circulación este venres pola tarde

A intervención, unha vez colocadas as tubaxes en sentido Baio e Vimianzo, céntrase estes días no taboleiro da ponte para pavimentala

Mañá efectuarase o formigonado e o xoves colocaranse as barreiras e os semáforos para poder abrir un carril o venres a última hora da tarde

A finais de setembro será preciso un novo corte de tráfico para estender o formigón nos apoios e dispoñer as novas lousas que permitirán a ampliación da ponte

Esta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas, precisou da reorganización dos traballos e do tráfico, da que foron informados os Concellos de Vimianzo e de Zas

Este proxecto ten como obxectivo a rehabilitación da ponte sobre o río Grande, que estará rematada a comezos de outono, cun investimento autonómico de 328.000 €

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

A Xunta continúa avanzando nas obras da ponte de Baio, coa previsión de abrir un carril de circulación na tarde deste venres.

A intervención, unha vez colocadas e formigonadas as tubaxes en sentido Baio e Vimianzo, estase a centrar esta semana no acondicionamento do taboleiro da ponte para proceder ao pavimentado.

Segundo a programación dos traballos, mañá efectuarase o formigonado da ponte e o xoves colocaranse as barreiras e disporanse os semáforos en ramais, coa fin de poder abrir un carril o venres a última hora da tarde.

A finais de setembro será preciso un novo corte de tráfico para estender o formigón nos apoios e dispoñer as novas lousas que permitirán a ampliación da ponte.

Esta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas, fixo necesaria unha reorganización dos traballos e da circulación, da que foron informados puntualmente os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas.

Cómpre lembrar que co inicio dos traballos se comprobou que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e que, unha vez eliminado o firme, viuse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente. Isto obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, sempre tendo o coidado de non danar a estrutura.

Ademais, tamén se observaron dificultades para levar a condución de abastecemento polo lugar que estaba previsto inicialmente, xa que a fábrica da ponte (o interior do arco) non é regular. Para salvar esta dificultade, vaise elevar lixeiramente a plataforma da ponte, para pasar as conducións de abastecemento e eliminar, como estaba previsto, as conducións que discorrían ata agora pola parte exterior.

Rehabilitación e ampliación

A Xunta está a traballar de maneira intensa na rehabilitación da ponte sobre o río Grande co obxectivo de tela rematada a comezos de outono, cun investimento autonómico de 328.000 euros.

O proxecto porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río, como os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.