A Xunta actualizará a Lei da calidade alimentaria para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección

José Luis Cabarcos Cabarcos subliñou que en toda actividade do sector primario é primordial aportar unha perspectiva económica financeira, para coñecer os marxes de beneficio e poder corrixir así o prezo de venda

Destacou que o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia non é unha moda, senón que xa se considera tendencia, superando a data de hoxe os 1.300 inscritos e cun récord de vendas certificadas coa achega de máis de 108 millóns de euros
 

A Estrada (Pontevedra), 3 de agosto de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá na Estrada na presentación dun informe sobre os custos de produción da mazá en ecolóxico, elaborado por unha empresa auditora. Alí, o director salientou que o Goberno galego está traballando xa na actualización da Lei da calidade alimentaria, que data do ano 2005, para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección, é dicir, dos que están inscritos a algún selo de calidade.

Neste senso, Cabarcos matizou que a nova norma rexerá a calidade diferenciada en Galicia, co fin de mellorar, integrar e desenvolver a súa regulación para dar un maior apoio e protección ás denominacións de orixe, ás indicacións xeográficas protexidas e a todas as demais figuras de protección. Así, o director remarcou o compromiso da Xunta polos selos diferenciados, xa que ademais de protexer os produtos no mercado, tamén lles garante unha seguridade aos propios consumidores e esa protección debe tamén recaer no propio produtor.

Precisamente, no tocante ao informe, o director da Agacal alabou o traballo realizado para identificar, analizar e cuantificar os custos da produción da mazá en agricultura ecolóxica. Neste senso, Cabarcos incidiu en que en toda actividade do sector primario é primordial aportar unha perspectiva económica financeira, para coñecer os marxes de beneficio e poder corrixir así o prezo de venda, xa que nel debe repercutir ese valor engadido que xeran precisamente os produtos de calidade e ecolóxicos.

Sobre isto, José Luis Cabarcos sinalou que a certificación é fundamental para diferenciar produtos “ecos” reais daqueles que non o son. Así, indicou que o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia non é unha moda, senón que xa se considera tendencia, superando a data de hoxe os 1.300 inscritos e cun récord de vendas certificadas coa achega de máis de 108 millóns de euros.

Nesta liña, o director indicou que precisamente na Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galegos, e doutros interesados neste eido, foron varios os proxectos presentados cuxo interese se centraba na produción de mazá en ecolóxico. “Falamos dun sector exponencial que vén experimentando un forte crecemento desde principios do século XIX, cun impulso que a día de hoxe continúa vixente na Estrada”, matizou o director.

Así, a día de hoxe son máis de 100 as hectáreas de superficie dedicada á produción de mazá en ecolóxico neste municipio pontevedrés, que converteu unha das súas tradicións nunha actividade económico moi potente, cuxa relevancia leva a considerar ao concello da Estrada a capital galega da sidra.

Lei de recuperación

Precisamente, a través dos instrumentos que impulsa a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia vaise conseguir beneficiar considerablemente ao sector agrario galego dando cobertura a unha das demandas máis reiteradas: a de máis base territorial apta para desenvolver a súa actividade. Para iso, o director explicou que é preciso mobilizar a terra baixo as premisas de recuperación e de prevención e, deste xeito, lograr a posta en valor de terreos que agora están abandonados ou infrautilizados.
 

Imaxes relacionadas