A Xunta adianta ao Concello da Coruña 3 millóns de euros para axilizar as obras do parque Ofimático

Trenor anuncia que o Goberno galego cumpriu cun dos compromisos adquiridos no coñecido como barrio de Xuxán, o que permitirá acelerar as actuacións

A Xunta, que é propietaria de aproximadamente a metade do solo, suma así 15 millóns de euros de investimento na urbanización do Ofimático, tendo en conta este protocolo e os 12 que destinou ata o momento actual

A Coruña, 3 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia xa procedeu ao pago adiantado ao Concello da Coruña de 3 millóns de euros para facilitar a axilización da urbanización do parque Ofimático —agora coñecido como Xuxán—, tal como se comprometera a través do protocolo asinado a mediados o pasado mes de xullo.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha visita ao barrio e máis concretamente á zona na que se están levando a cabo as obras do edificio de promoción pública de 40 vivendas nas que o Goberno galego está a investir 6 millóns de euros e que estarán rematadas antes do verán do ano que ven.

No protocolo asinado en xullo, a Xunta comprometeuse ao pago adiantado de cotas de urbanización por importe de 3 millóns de euros, co obxectivo de facilitar o avance nas devanditas obras.

Pola súa parte, o Concello comprometeuse a axilizar a contratación das actuacións de finalización da primeira etapa, informando a Xestur do estado de tramitación e execución.

O acordo tamén estableceu que, unha vez adxudicadas as obras de urbanización previstas, o Concello poderá conceder novas licenzas de edificación nas parcelas resultantes, co fin de contribuír a axilizar a construción de inmobles.

Do mesmo xeito, as licenzas de primeira ocupación das vivendas construídas sobre as mesmas solicitaranse unha vez recepcionadas pola Administración local as obras de urbanización, cando as parcelas acaden a condición de solares e as actuacións de construción dos inmobles estean rematadas.

Este adianto, ademais de ser un avance nos compromisos adquiridos pola Xunta, permitirá rematar coa maior brevidade as obras de urbanización da primeira etapa, co obxecto de que as parcelas afectadas poidan acadar a condición de solar e así activar a construción dun maior número de vivendas de protección oficial.

Trenor lembrou que este acordo é unha continuación do asinado pola Xunta, o Concello e a Asociación Parque Ofimático no ano 2016. Naquela ocasión, Xestur realizou un adianto de 4,2 millóns de euros para a execución das obras de urbanización xa realizadas. Dese adianto quedou un remanente de 728.149,77 euros a favor da empresa pública, polo que esa parte dos 3 millóns de euros acordados xa está nas contas do Concello.

A Xunta, que é propietaria de aproximadamente a metade do solo, suma así 15 millóns de euros de investimento na urbanización do barrio de Xuxán, tendo en conta este protocolo e os 12 que destinara ata o momento actual.

Imaxes relacionadas