A Xunta apoia con máis de 2M€ as asociacións de comerciantes e vendedores para impulsar a competitividade do sector

A convocatoria está destinada a centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións

Os apoios permitirán atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos aos consumidores na actual situación económica

A axuda máxima será de 57.150 euros no caso dos centros comerciais abertos e de 14.000 para as asociacións de praceiros

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de axudas por 2,25M€ ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCA) e prazas de abastos, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de agosto.

O obxectivo destes apoios, de concorrencia competitiva, é recuperar e impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica.

Así, o actual contexto de cambio, acentuado pola crise da covid-19, e a necesaria aposta pola dixitalización e as novas tecnoloxías como ferramentas de utilidade para o comercio fan que o Goberno galego poña en marcha esta liña de axudas destinadas a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro que leven a cabo proxectos para a dinamización e revitalización dos CCA e prazas de abastos.

Tanto os centros comerciais abertos como as prazas de abastos e mercados poderán optar a estas axudas para a posta en marcha ou mantemento de marketplaces ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial. Tamén poderán desenvolver sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, ou contratar servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais. As axudas máximas para os centros comerciais abertos van desde os 57.150 euros aos 27.800, dependendo do número de habitantes e comercios asociados.

No caso das asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización e dinamización, tamén poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos, as axudas poden chegar a un máximo de 14.000 euros.

Imaxes relacionadas