A Xunta remata as obras de mellora de seguridade na estrada AC-445 en Corcubión, no treito coincidente coa traza do Camiño de Santiago a Fisterra

Esta intervención, cun investimento de preto de 17.000 €, consistiu na construción dunha senda de 50 metros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada

A actuación tamén incluíu a optimización da sinalización no cruce da estrada ao rematar a senda, colocando dúas bandas transversais de alerta

Esta é unha das 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora de seguridade na estrada AC-445, no treito coincidente coa traza do Camiño de Santiago a Fisterra, ao seu paso polo concello de Corcubión.

A Xunta achegou un investimento de preto de 17.000 euros para acometer esta intervención que se desenvolveu na contorna do punto quilométrico 3+830.

O proxecto consistiu na construción dunha senda duns 50 metros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada.

A actuación tamén incluíu a optimización da sinalización no cruce da estrada ao rematar a senda, colocando dúas bandas transversais de alerta.

Esta é unha das 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas