O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo unha videoconferencia coas distintas organizacións

Política Social agradece ás asociacións de escolas infantís o seu esforzo para superar con éxito este curso 2020-2021 marcado pola pandemia

Os centros infantís demostraron ser espazos seguros neste curso, onde o 99% deles permaneceron abertos

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

O director xeral de Familia Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coas distintas asociacións de escolas infantís para agradecer o esforzo levado a cabo polos traballadores destes centros neste curso 2020-2021 que vén de rematar tanto para os centros públicos de titularidade autonómica como para os de iniciativa social ou privados. Durante o encontro, o director xeral destacou que as escolas demostraron ser espazos seguros para os nenos e para os profesionais, xa que máis do 99% deles conseguiron manter as súas portas abertas durante todo o curso.

Jacobo Rey puxo en valor que, grazas á preparación e ao traballo do persoal, foi posible superar con éxito este ano marcado pola pandemia e que agora chega un momento moi esperado e merecido para todos, as vacacións, tanto para os profesionais como para os nenos. Como recordou, este curso, tan distinto aos anteriores, caracterizouse polas distancias de seguridade entre os nenos, o uso das máscaras e do xel desinfectante.

Neste senso, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, quixo resaltar o traballo que sempre levan a cabo os profesionais dedicados ao coidado e á formación dos máis pequenos. As escolas infantís constitúen unha das ferramentas fundamentais para a conciliación das familias e supoñen un servizo pedagóxico para a formación da sociedade do futuro.