A Xunta executa obras de mellora do firme na estrada LU-721 ao seu paso polo Concello da Fonsagrada

Os traballos, que acaban de comezar, supoñen un investimento autonómico de máis de 68.000 euros e contan cun prazo de execución de 2 semanas

A intervención inclúe a rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 8+000 e 12+000 e a reposición da sinalización horizontal en todo o tramo

Esta actuación súmase a outros investimentos da Xunta para mellorar as estradas da Fonsagrada nos últimos anos, como o acondicionamento da LU-530, á que destinou 100.000 €; ou das estradas LU-701, LU-703 e LU-740, cun investimento de 1,62 M€

En agosto a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mellorará a sinalización en 8 puntos de cruce do Camiño Primitivo coas estradas autonómicas LU-701, LU-740 e LU-530

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Xunta está a executar obras de mellora do firme na estrada LU-721 ao seu paso polo concello da Fonsagrada.

Os traballos, que acaban de comezar, supoñen un investimento autonómico de máis de 68.000 euros e contan cun prazo de execución de 2 semanas.

A intervención consiste na rehabilitación do firme na estrada autonómica LU-721 mediante o estendido dun dobre tratamento superficial no treito entre os puntos quilométricos 8+000 e o 12+000.

Nestes traballos inclúese a reposición da sinalización horizontal en todo o tramo obxecto das obras.

Esta actuación súmase a outras executadas pola Xunta na rede viaria autonómica na Fonsagrada nos últimos anos.

Cómpre lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometeu o acondicionamento da estrada LU-530 no ano 2017, cun investimento de máis de 100.000 euros; e no ano 2019 executou a mellora das estradas autonómicas LU-701, LU-703 e LU-740, ás que destinou 1,62 M€.

Ademais, a partir de mediados de agosto e ata o outono, a Xunta vai mellorar a sinalización en 8 puntos de cruce do Camiño Primitivo coas estradas autonómicas LU-701, LU-740 e LU-530, cun investimento estimado duns 25.000 € co obxectivo de reforzar a seguridade viaria dos peregrinos.