A Xunta concede axudas por máis de 183.000 euros ao concello de Boiro para apoiar a mellora e a modernización do parque empresarial de Espiñeira

O Goberno galego destina este ano 4,12M€ para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas en 51 municipios, pertencendo 21 actuacións á provincia da Coruña

O parque de Espiñeira utilizará as axudas públicas para mellorar a pavimentación, a sinaléctica e as beirarrúas e para a instalación de colectores de lixo

Conde asegura que a Administración seguirá apoiando ás áreas empresariais da Comunidade para poder seguir atraendo investimento e xerando emprego
 

Boiro (A Coruña), 2 de agosto de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o parque empresarial de Espiñeira, en Boiro, un dos beneficiarios das axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer as mellores condicións de servizo ás empresas asentadas nos polígonos e facilitar a captación de novos investimentos.

En concreto, o parque de Espiñeira obtivo dúas axudas, cuxo importe supera os 183.000€ e co se espera mobilizar case 230.000 euros. Estas permitirán a mellora da pavimentación, da sinaléctica e das beirarrúas e tamén a instalación de colectores de lixo.

“Boiro é un exemplo de dinamismo de actividade empresarial que temos que seguir apoiando a través da colaboración entre a Xunta de Galicia co propio Concello e, polo tanto, a Espiñeira ten que seguir demostrando que é un motor de xeración de emprego e un motor para atraer novos investimentos, como xa o está a facer”, apuntou Conde. Así, desde o Goberno galego avógase pola colaboración institucional para acadar estes obxectivos, polo que o vicepresidente económico agradeceu a Boiro que forme parte da iniciativa dos Concellos Emprendedores.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña de poios posta en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas, a través dun investimento de 4,12M€. En total, foron 51 os municipios galegos –entre os que se inclúe Boiro– os que puideron mellorar as redes viarias, a xestión de residuos, a depuración de augas ou a seguridade nos seus polígonos. Na provincia da Coruña resultaron apoiados 21 proxectos, cunha partida pública de 1,7M€.

Estas actuacións forman parte da vontade do Goberno galego de dar pulo aos parques empresariais galegos, facilitando que empresas e emprendedores dispoñan dunha oferta competitiva de parques e polígonos onde instalarse para dinamizar así a actividade económica, crear emprego, e impulsar a recuperación económica.

Neste sentido, o vicepresidente económico apuntou á Lei de áreas empresariais de Galicia que está a preparar o Executivo para seguir traballando cos concellos na mellora destas infraestruturas “para que poidamos seguir atraendo investimento e polo tanto, xerando emprego”, apuntou, ao mesmo tempo que asegurou que a colaboración desde a Xunta de Galicia vai seguir sendo “permanente”.
 

Imaxes relacionadas