O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a residencia de tempo libre do Carballiño

A campaña de verán da Xunta inclúe actividades de ocio seguro e saudable para persoas con discapacidade no Carballiño

Este campamento acolle desde o pasado 27 de xullo ata o 5 de agosto unha trintena de persoas con discapacidade de entre 19 e 45 anos

Carballiño (Ourense), 2 de agosto de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial de Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe os usuarios do campamento que se desenvolve na Residencia de Tempo Libre do Carballiño destinado a persoas con discapacidade. González Abeijón puxo en valor a realización deste tipo de actividades que converten a Galicia nun lugar máis inclusivo onde todos podemos levar a cabo un ocio educativo, seguro e saudable durante a temporada estival.

Este campamento acolle desde o pasado 27 de xullo ata o 5 de agosto quince persoas con discapacidade de entre 19 e 45 anos que desfrutan dun amplo programa de actividades relacionadas coa educación ambiental e cos hábitos saudables. Ademais, esta residencia alberga unha quenda do campamento xuvenil chamado Arte e tecnoloxía, onde rapaces de entre 9 e 12 anos levan a cabo actividades como obradoiros de expresión corporal ou xogos de interpretación teatral.

A Xunta de Galicia puxo en marcha os campamentos específicos para persoas con discapacidade, enmarcados na campaña estival que este ano se está a desenvolver baixo o lema O verán que mereces. Nesta convocatoria ofrecéronse 185 prazas en tres instalacións diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e nas instalacións ourensás que se visitaron hoxe.

Nestes tres espazos, un total de 185 persoas de entre 11 e 45 anos teñen a oportunidade de realizar actividades que lles proporcionarán un ocio educativo seguro e inclusivo ao longo de 12 estadías diferentes. Este programa promove, ademais, a educación ambiental e unha estreita relación coa contorna grazas á posta en marcha de deportes náuticos adaptados, entre outras propostas. Así, entre outros obxectivos desta iniciativa destacan a promoción de hábitos de vida saudables e o fomento de habilidades artísticas.

 

Imaxes relacionadas