A Xunta outorga axudas a sete concellos de Santiago e da súa contorna para a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración cun investimento de máis de 315.000 euros

O delegado da Xunta na Coruña visitou a depuradora de Touro onde informou que este municipio recibirá máis de 38.000 euros para levar a cabo melloras no pretratamento desta planta

As axudas, compatibles con outros incentivos, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución das obras, así como os gastos asociados a elas

Con este tipo de iniciativas a Xunta mantén o apoio ás entidades locais na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, que redundan na calidade de vida das poboacións dos municipios máis pequenos de Galicia
 

Touro (A Coruña), 2 de agosto de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou a depuradora do municipio, onde informou que a Xunta investirá máis de 38.000 euros para levar a cabo melloras no pretratamento desta planta.

Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 4 millóns de euros en toda Galicia.

No caso dos concellos de Santiago e da súa contorna, o delegado da Xunta, informou que estas axudas beneficiarán a sete municipios: Boimorto, Frades, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Val Dubra que recibirán en total máis de 315.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Os 4 millóns cos que estaba dotada esta orde de axudas distribuíronse en dous grupos: o 50% do importe a obras executadas en sistemas de abastecemento e o outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Con esta iniciativa a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.
 

Imaxes relacionadas