A Xunta adxudica por 106,5 M€ os 7 contratos para garantir a conservación e a vialidade invernal nas estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos

Estes contratos distribuídos por áreas teñen como obxectivo a vixilancia e o control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible

O programa de vialidade invernal, activo entre novembro e abril, busca garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa

Tamén se prevén traballos de limpeza ao longo de case 65.000 km, incrementando nun 33% as limpezas e rozas manuais ou mecánicas para reducir o uso de herbicidas

Renovaranse as marcas viarias en máis de 17.000 quilómetros, o que na práctica significa repintar toda a rede de estradas da Xunta

Os contratos posibilitarán subrogar ao persoal que vén desenvolvendo estas tarefas, blindando un posto de traballo estable a 262 persoas

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 106,5 millóns de euros os 7 contratos que garantirán a conservación ordinaria e a vialidade invernal en 5.380 quilómetros de estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos.

A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer sete áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo.

Concretamente, o contrato da área da Coruña norte adxudicouse á empresa F. Gómez y CIA, por case 15 M€; o da Coruña sur, á UTE Vázquez y Reino-Construcciones López Cao, por 15,3 M€; o de Lugo norte, á UTE OVISA- Construcciones Isidro Otero, por 15,6 M€; o de Lugo sur, a Grupo Bascuas 2008, por 16,6 M€; o de Ourense, á UTE Estraco-Misturas, obras e proxectos, por 19,1 M€; o da zona de Pontevedra norte, á UTE Construcciones Rafer-Hormigones Andaluces, por 14M€; e o de Pontevedra sur, á UTE Construcciones San José- Audeca, por 10,8 M€.

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, lévanse a cabo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Tamén forman parte destas actuacións os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e para garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Os contratos tamén blindan a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Esta programación abrangue o programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

Os contratos van permitir realizar rozas ao longo de case 65.000 quilómetros de estradas autonómicas, incrementando nun 33% as limpezas para o control da vexetación nas marxes, fronte a outros métodos como os herbicidas. Isto supón un incremento das partidas que se reflicte no importe de licitación dos contratos para dar cumprimento ao acordo do Parlamento.

Ademais, renovaranse os sinais verticais en preto de 7.000 km da rede viaria autonómica e as marcas viarias en máis de 17.000 km, o que na práctica significa repintar toda a rede de estradas da Xunta.

Cómpre lembrar que os contratos permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a 262 persoas, que conservan a antigüidade.

Conservación extraordinaria

Tan importante como executar novas estradas o é conservar en bo estado as existentes, polo que estes traballos de conservación ordinaria e vialidade invernal da Xunta se complementan con outras actuacións extraordinarias.

Neste sentido, o Goberno galego vén desenvolvendo iniciativas como a Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes, na que está a investir 15 M€.

Tamén está en marcha o Programa de inspección de pontes e obras de paso, que o pasado ano se estendeu aos muros e noiros das estradas autonómicas.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas investirá neste 2021 un total de 22,3 M€ en melloras de firme, o que reflicte a intensidade da Xunta na atención ao estado das estradas da súa titularidade.

Imaxes relacionadas