A Xunta adxudica por máis de 1 M€ as obras de demolición da antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela

Os traballos comezarán na primeira quincena de setembro e terán un prazo de execución de 3 meses

Demolerase o edificio principal da terminal de autobuses, unha vez trasladados os servizos á estación intermodal, e manteranse os edificios anexos de oficinas e do parque de bombeiros

A actuación deixará a parcela preparada para a construción do novo edificio administrativo da Xunta, cuxo proxecto está en redacción


 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 1 millón de euros as obras de demolición da estación de autobuses de Santiago de Compostela.

Os traballos, adxudicados á UTE Xestión Ambiental de Contratas S.L.-Construcciones y Servicios OREGA S. L., comezarán na primeira quincena de setembro e desenvolveranse durante un prazo de tres meses.

O obxectivo da intervención é a demolición do edificio principal da estación de autobuses de Santiago, unha vez que quedou sen uso ao trasladarse os servizos á nova terminal intermodal, construída a carón da estación do ferrocarril.

Con esta actuación, a parcela quedará preparada para a construción dun novo edificio administrativo da Xunta de Galicia, cuxo proxecto está en redacción. Os edificios anexos, destinados a oficinas municipais e ao parque de bombeiros, mantéñense.

Traballos de demolición

A superficie construída a demoler son 13.301,40 m², distribuídos en tres andares. Dada a configuración do conxunto, prevese realizar a demolición practicamente na súa totalidade no interior da parcela delimitada.

As obras comezarán coa demolición do edificio pola zona de dársenas de autobuses, desmontando ferros e elementos de cuberta, as envolventes metálicas e as carpinterías. Tamén se desmontarán as estruturas metálicas e as pasarelas de conexión coa terminal de pasaxeiros e demolerase a estrutura de formigón sobre as dársenas.

A continuación, procederase á demolición do volume superior, correspondente á terminal de autobuses. Nesta fase, derruiranse as plantas superiores desde a parte alta da parcela cara aos niveis inferiores.

Na execución dos traballos, ademais de ferramentas manuais, empregarase a cizalla hidráulica, un método para a demolición de estruturas con formigón e aceiro, que ademais reduce os riscos derivados da vibración que producen outros mecanismos de percusión.
A seguinte planta da estación contén as fases da demolición e a edificación a conservar.