A sanidade pública galega incorporará 48 novos ecógrafos por valor de 5,6 millóns de euros

A Xunta licita o contrato de novos equipos de ecografía de precisión para os servizos de radiodiagnóstico de 16 centros sanitarios das sete áreas sanitarias galegas

Os Orzamentos da Xunta para 2021 contemplaron partidas por valor de 60 millóns para desenvolver un Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario, froito do cal adquiríronse xa 37 equipos radiocirúrxicos e 7 robots cirúrxicos

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar, na plataforma de contratos públicos de Galicia, despois da autorización do Consello da Xunta, a licitación da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas. Este contrato licítase por un importe total de 5,6 millóns de euros, e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 17 de agosto.

O obxectivo desta compra é dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

Con esta contratación renovaranse os ecógrafos de diversos centros sanitarios nas sete áreas sanitarias do Sergas. En concreto, na área de Ferrol, no Arquitecto Marcide; na área da Coruña e Cee, no Hospital Universitario da Coruña, no Materno-Infantil e no Centro de Especialidades do Ventorrilo; en Santiago e Barbanza no Hospital Clínico, no Gil Casares e no Hospital da Barbanza; en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, no Hula; en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no Hospital Cristal, no Santa María Nai e no Hospital de Valdeorras; en Pontevedra e O Salnés, no Montecelo e no Provincial e, en Vigo, no Álvaro Cunqueiro, o Meixoeiro e o Nicolás Peña.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un presuposto de 60 millóns de euros.

Froito dese plan xa se acometeron neste ano outras dúas licitacións: un investimento de 4,3 millóns para a adquisición de 37 equipos radiocirúrxicos (tres deles radiocirúrxicos vasculares) para os hospitais do Sergas e a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias.

Imaxes relacionadas