A Xunta licitará por máis de 1,65 M€ as obras da terceira fase do parque empresarial das Gándaras

Esta nova ampliación do polígono lucense traducirase en 27 novas parcelas que suman unha superficie de máis de 55.000 m2

A Xunta está a executar actualmente a urbanización da segunda fase do parque, cun investimento de máis de 2,6 M€

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia investirá máis de 1,65 millóns de euros nas obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, despois de que o consello de administración da empresa pública Xestur autorizase a licitación da actuación.

Esta nova fase será a segunda ampliación do parque empresarial e ocupará unha superficie total de 55.768 m2, dos que 35.434 serán de uso industrial e comercial, repartidos en 27 parcelas con superficies que oscilarán entre 945 e 5.200 m2.

A meirande parte das parcelas resultantes terán entre 945 e 1.200 m2, que son as máis demandadas nas Gándaras, e so dúas superarán esa superficie: unha de 2.700 e outra de 5.200 m2.

Segunda fase

Cómpre lembrar que actualmente se están a executar as obras de urbanización da segunda fase do parque empresarial das Gándaras, que afectan a un total de 97.691 m2 de solo e dos que 45.190 corresponden a parcelas.

Ao rematar esta segunda fase obteranse un total de 12 parcelas, das que 9 teñen unha superficie de 1.000 m2 cada unha e as outras tres dispoñen de 25.000, 8.990 e 2.300 m2, respectivamente. Ademais, as obras desta fase inclúen unha zona de aparcamento de 20.000 m2, que aloxará 384 prazas, e unha praza pública.

A actuación foi adxudicada no pasado mes de outubro por algo máis de 2,6 millóns de euros e prevese o remate das obras despois deste verán.

Polo tanto, o investimento da Xunta nas Gándaras nos últimos meses, entre a segunda e a terceira fase, suma preto de 3,3 millóns de euros para máis de 150.000 m2.

Por outra banda, o Goberno galego, tamén neste parque empresarial, acaba de adxudicar unha nova parcela a unha empresa do sector do transporte sanitario, cunha superficie de 4.721 m2 e un prezo de venda de 225.000 euros, despois de aplicárselle unha bonificación do 50 %.