A Xunta publica no DOG o decreto expropiatorio para a construción da nova senda na estrada PO-223 entre O Couso e O Sobral, no concello de Pontevedra

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación rolda os 1,2 M€, nos que se inclúe o pagamento dos 31 predios necesarios para a súa execución

A senda, de 2 quilómetros, configurará un percorrido continuo entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve

O proxecto inclúe modificacións do trazado da estrada e a mellora de interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración

Melloraranse as paradas de autobús dos puntos quilométricos 3+850 e 5+300 e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro

A Xunta prevé desenvolver estas obras de xeito coordinado co proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, onde se sitúa o CEIP

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto expropiatorio para a construción dunha nova senda na estrada PO-223 entre O Couso e O Sobral, no concello de Pontevedra.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este decreto: http://xurl.es/xq08r

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación rolda os 1,2 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 31 predios necesarios para a súa execución. Estas obras contan con financiamento de fondos europeos Feder.

Esta intervención ten como obxectivo favorecer unha mobilidade sostible e unha contorna máis segura para os veciños e os escolares da parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve, coa construción dunha senda na vía de titularidade da Xunta, que permita a circulación de peóns e de ciclista non deportivos.

O novo itinerario, de 2 quilómetros de lonxitude, configurará un percorrido continuo no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, unindo así os citados núcleos, e atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve. A senda terá un ancho mínimo de 1,80 metros e contará con bordo delimitador, resultando un ancho transitable de máis de 2 metros.

A actuación completarase con modificacións puntuais do trazado da estrada, entre os puntos quilométricos 3+650 e 4+600, para xerar espazo na súa marxe dereita e poder encaixar a senda.

Tamén se intervirá na mellora das principais interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración.

Ademais, melloraranse as paradas de autobús dos puntos quilométricos 3+850 e 5+300 e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro.

A actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Pontevedra, no marco do que se están a desenvolver 9 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento superior aos 5,3 M€.

A Xunta prevé desenvolver esta actuación de xeito coordinado co proxecto de mellora da seguridade da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, precisamente na contorna da intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o CEIP.