A Xunta celebra mañá en Sober un curso sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiros de froito

Organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverase na Casa da Cultura de Sober

O obxectivo desta acción formativa é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, así como complementar a formación do sector en materia de tratamentos para as árbores, tendencias de mercado, etc.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá mañá un curso sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito. A acción formativa celebrarase na Casa da Cultura de Sober, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas do mercado, entre outros aspectos.

Así, o programa terá un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas