A escena e a música de Galicia viaxan por 10 países co apoio das axudas da Xunta á distribución cultural

Publícase a adxudicación de 460.000 euros en subvencións, a través das que se contribúe ao desenvolvemento de máis de 500 funcións escénicas, concertos e accións de difusión en mercados profesionais fóra de Galicia

Debido á actual situación sanitaria, os principais destinos das xiras desta convocatoria son localidades do resto de España e de Portugal, pero tamén de Alemaña, Bulgaria, Costa Rica, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Reino Unido

Carlos Núñez, La Macana, Luar na Lubre, Matarile, Novedades Carminha, Pistacatro, ou Xosé A. Touriñán atópanse entre os máis de 65 artistas, grupos e compañías beneficiarios da convocatoria de 2021

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar 460.000 euros en subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais, correspondentes á convocatoria de 2021 e a través das que se apoia a presenza das artes escénicas e da música de Galicia en diferentes localidades do resto de España e doutros nove países.

As contías outorgadas na resolución, publicada na web do departamento de Industrias Culturais, destínanse a cofinanciar os gastos asumidos por 65 empresas culturais galegas no desenvolvemento de máis de 500 actuacións das formacións artísticas que representan así como de 15 accións de difusión do seu traballo en mercados e feiras profesionais en Alemaña, Bulgaria, Costa Rica, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Reino Unido, ademais de en numerosas cidades españolas. Ademais, arredor de 53.000 euros do total adxudicado invístese en 44 funcións correspondentes a xiras escénicas dentro de Galicia.

Maior difusión da cultura galega

A través desta iniciativa, a Xunta contribúe a impulsar a distribución e comercialización dos produtos culturais galegos dentro e fóra da nosa Comunidade, ao tempo que se fomenta a captación de públicos e se facilita o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais. Con tal fin, cofináncianse os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do seu traballo.

Por sectores, as actividades de distribución de espectáculos no ámbito das artes escénicas (teatro, danza e novo circo) apóianse con 280.152 euros, mentres que os 179.447 euros restantes destínanse a xiras e promoción da música de Galicia.

A raíz da actual situación sanitaria, España e Portugal concentran unha parte importante das actuacións subvencionadas na convocatoria de 2021, dirixida a actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021, se ben tamén hai unha destacada presenza fóra da Península Ibérica.

Así, por exemplo, a Xunta subvenciona con 25.000 euros 18 concertos de Carlos Núñez en Francia e Reino Unido, ademais de en España e Portugal. Coa mesma contía apóianse 18 funcións de PistaCatro en Gran Bretaña e en diferentes puntos da Península e a xira española de Xose A. Touriñán, con 22 funcións. Pola súa banda, Matarile Teatro recibe máis de 20.000 euros para as súas actuacións na Comunidade Valenciana, Murcia, Cataluña ou Cantabria, mentres que La Macana viaxou tamén ata Alemaña e Italia, ademais de por España e Portugal, cunha achega de preto de 11.000 euros para 17 funcións. Na listaxe atópanse, así mesmo, a xira española de Novedades Carminha (más de 12.000 euros para 11 concertos) e a peninsular de Luar na Lubre (17.00 euros e seis actuacións).

Imaxes relacionadas